Ourense | O goberno municipal do Concello de Vilar de Barrio segue apostando por poñer en valor a Serra de San Mamede como unha das posibles vías para frear o devalo demográfico que sofre o municipio nas últimas décadas. “Traballamos en converter Vilar de Barrio nun lugar atractivo para vivir, promovendo hábitos de vida saudables, actividades deportivas para todos os públicos e servizos de conciliación familiar. Pero tamén necesitamos explorar novos campos de desenvolvemento para procurar afianzar poboación ao tempo que atraemos outra xente nova”, matiza Manuel Conde.
Con este obxectivo o rexedor lanzou o pasado mes de xullo o programa “Un verán na Serra” que combinaba actividades lúdicas, deportivas e de ocio, co inicio dun programa de investigación “que sirva para explorar as potencialidades da Serra de San Mamede como motor de desenvolvemento local futuro”, sentencia o alcalde.
No marco deste programa realizáronse nas últimas semanas diferentes obradoiros da memoria nas aldeas de Rebordechau, Prado, Porto e Arnuide. Centos de persoas achegáronse a estes encontros para realizar unha primeira cartografía dos problemas da Serra, as súas oportunidades e ameazas.
“Con esta primeira convocatoria queremos explorar as posibilidades de certificación que tería a nosa serra como destino turístico Starlight. Así é que pola súa altitude e carencia de contaminación luminosa pensamos que pode ter excelentes cualidades para a observación astronómica”, afirma Manuel Conde alcalde de Vilar de Barrio.
“Superada agora esta primeira fase diagnóstica, na que seguiremos traballando nos próximos meses, queremos lanzar unha oferta de actividades lúdicas propias do verán. A primeira o próximo venres 9 de agosto convidando a todo o mundo a gozar das fermosas Bágoas de San Lourenzo a máis de 1600 metros sobre o nivel do mar”, apunta
Manuel Conde.
O programa desta actividade comezará ás 18:00h do venres na aldea de Rebordechao, dende onde se inicia o ascenso guiado pola montaña ata o alto da serra. Toda vez alí, cea incluída, os participantes poderán contemplar as Perseidas da man de especialistas que ofertarán tamén a posibilidade de recoñecer o firmamento con
varios telescopios. Toda a información e reservas pode atoparse na páxina web.
“Queremos que ao rematar este verán a nosa veciñanza de Vilar de Barrio mire con outros ollos a súa serra. Ben como ese lugar de esparexemento, ben como o recurso para un desenvolvemento sostible do municipio. Antes en exclusiva vinculados ao sector primario e agora abrindo a porta a outras posibilidades”, finaliza Manuel Conde alcalde de Vilar de Barrio.