Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a entrega dos premios do XVI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense, edición que tivo como gañadora á artista coruñesa Andrea Dávila (Boiro, 1995) pola obra “Sitting piece for 2”.
Un acto no que tamén recibiron os seus galardóns o vigués Alberto Ardid de Cabo, segundo premio pola obra “Nova riqueza”; e a ourensá Mar Ramón Soriano, que obtivo o terceiro premio por unha peza escultórica en cerámica titulada “Desnudo, espacio de juego”.
Os artistas distinguidos recibiron un premio económico de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente. Tamén se entregaron dous accésits que foron para Miquel Ponce Díaz e David Fidalgo Omil.
O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que estivo acompañado no acto polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o deputado provincial Armando Ojea, o director do centro cultural, Francisco González, e membros do xurado, expresou os seus parabéns aos premiados “nunha iniciativa xa consolidada logo de 16 edicións ofrecendo oportunidades ao talento e apoiando aos novos valores nos distintos ámbitos das artes plásticas”.
Nesta edición presentáronse un total de 507 candidaturas de artistas procedentes de 15 países: España, Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile, Bolivia, Cuba ou Taiwan, que obrigou a facer un importante esforzo de selección ao xurado, integrado por Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Juan Carlos Román, artista e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Ángel Cerviño, creador e comisario de exposicións; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense; e Rosendo Cid, creador e comisario de exposicións. Como secretario exerceu o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel.
As obras galardoadas, xunto cunha selección realizada polo xurado de todos os traballos presentados ao concurso, poderán contemplarse no Centro Cultural nunha exposición que tamén se inaugurou esta tarde tras o acto de entrega de premios.