Deputación da Coruña | O catedrático en medicina legal, investigador e experto en xenética Ángel Carracedo é o gañador do Premio Otero Pedrayo, organizado nesta edición 2022 pola Deputación da Coruña e convocado polas catro institucións provinciais e a Xunta de Galicia. É a primeira vez que se recoñece con este galardón unha traxectoria centrada na investigación médica e científica.
A candidatura de Ángel Carracedo partiu da propia Deputación da Coruña, representada polo deputado de Cultura, Xurxo Couto, quen defendeu a necesidade de recoñecer “unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade”.
Desde a súa creación en 1977, o Premio Otero Pedrayo ten como obxectivo non só homenaxear a figura do grande polígrafo ourensán que lle dá nome, senón tamén recoñecer o labor de contribución á cultura e promover os valores propios de Galicia, ademais das obras que contribúan á mellora da cidadanía e as institucións. Así, nesta edición tívose en conta o importante papel da investigación científica e médica despois dos dous anos de pandemia en que os avances da ciencia foron fundamentais para poñer freo a unha situación de crise sanitaria que lle custou a vida a máis de seis millóns de persoas no mundo. Neste ámbito, a figura do profesor Ángel Carracedo representa unha figura privilexiada no ámbito da ciencia, cunha traxectoria que está a ser unha referencia na historia da investigación galega.
Ángel Carracedo
O profesor e investigador Ángel Carracedo naceu en 1955 no Concello de Santa Comba e é catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela cunha excelsa traxectoria que o converteu nun dos xenetistas máis relevantes a nivel internacional. Entre as súas investigacións pódense citar as que se centran na xenética do cancro, as enfermidades psiquiátricas en idade infantil, as enfermidades raras e a farmacoxenómica, ámbitos de traballo con especial repercusión na vida e na saúde das persoas.
As máis prestixiosas revistas internacionais recollen traballos da súa autoría e asina igualmente un amplo abano de obras ensaísticas e de investigación científica que o sitúan á cabeza da produción intelectual do seu ámbito.
Desde o ano 1994 é Director do Instituto de Medicina Legal da USC, un centro que situou, xunto co seu equipo, na vangarda das novas tecnoloxías de investigación en medicina forense por medio da xenética molecular, unha liña de traballo que continúa a realizarse en laboratorios de prestixio de todo o mundo.
Entre outros cargos e títulos, Angel Carracedo conta na súa traxectoria co de director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, presidente da Sociedade Española de Farmacoxenética e Farmacoxenómica, vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal e presidente da International Society for Forensic Genetics. Relevante tamén é o seu papel como formador de novas xeracións de investigadores e investigadoras e, neste sentido, cómpre destacar que dirixiu máis de medio cento de teses de doutoramento que son tamén referencia de investigación no ámbito médico e científico.
Os Premio Galicia de Investigación, o Premio Nóvoa Santos, a Medalla Galien ―o máis importante galardón en investigación farmacolóxica―, o Premio Rei Xaime, a Medalla Castelao e a Medalla de Ouro de Galicia ou o Premio Nacional de Xenética, ademais de distintos doutorados honoris causa de universidades de Europa e América, son algúns dos recoñecementos oficiais a unha traxectoria que destaca tamén polo compromiso coa ciencia e o seu país e pola entrega a un traballo que sitúa a ciencia galega na vangarda mundial.