Ángel Serafín Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil presentan novo libro sobre a Institución Libre de Enseñanza

Comprende o período dos primeiros alumnos (1876-1884)

Santiago de Compostela | Ángel Serafín Porto Ucha e Raquel Vázquez Ramil presentan, na Editorial Andavira de Santiago de Compostela, un novo libro no que continúan as súas investigacións sobre a Institución Libre de Enseñanza (ILE), centrándose neste caso na creación da ousada experiencia educativa que renovou o panorama pedagóxico en España e nos seus primeiros alumnos.

Trátase dun exhaustivo estudo cuantitativo e cualitativo dun centro que, no principio, pretendía ser alternativa a Universidade oficial na que non se respectaba a liberdade de cátedra, e que acabou acollendo alumnado de primeira e segunda enseñanza, clases de idiomas, ampliación de estudos universitarios e cursiños de especialización.

Recóllense no traballo os nomes dos profesores e conferenciantes da primeira época da ILE, entre 1876 e 1884, e máis de mil cen alumnos (1.112 en concreto), liderados polo fundador Francisco Giner de los Ríos, e con discípulos tan sobranceiros como Manuel Bartolomé Cossío, casado coa galega Carmen López-Cortón, da familia do pazo de San Fiz de Vixoi (Bergondo), os irmáns Manuel e Antonio Machado, a destacada figura do PSOE e presidente das Cortes durante a Segunda República Julián Besteiro, Eugenio Montero Villegas (fillo de Montero Ríos), José Rodríguez Carracido, que será reitor da USC, etc.

Intelectuais, artistas, escritores, nomes da alta política da Restauración, como Germán Gamazo ou Antonio Maura; os primeiros alumnos da ILE, guiados por Giner, foron a base da renovación ideolóxico-pedagóxica de España, cruelmente segada durante a guerra civil.

Ademais do prólogo a cargo de José Mª Hernández Díaz, catedrático de Historia da Educación da Universidade de Salamanca, o libro consta de cinco capítulos. No primeiro abórdase o nacemento da ILE con motivo da chamada “segunda cuestión universitaria”, na que un grupo de profesores foron apartados dos seus postos oficiais por defender a liberdade de cátedra trala expulsión de dous profesores da Universidade de Santiago, Laureano Calderón e Augusto González de Linares, defensores das teses darwinistas. O segundo capítulo trata das enseñanzas e o sentido da escola na ILE. O terceiro, dos estudos xerais de segunda enseñanza, os primeiros que se puxeron en funcionamiento. O cuarto, dos estudos superiores científicos e doutros cursos e conferencias. E o quinto, do ensino primario e do primeiro e segundo ensino por seccións.

Engádense, no amplo anexo, a relación nominal alfabética del alumnos que estudaron na ILE nestes primeiros e fundamentais oito anos, entre 1876 e 1884.

Os autores fan unha achega máis aos estudos sobre la ILE, en constante necesidade de revisión, especialmente significativos nesta nosa época de mensaxes efémeras e superficiais.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.