Estamos a punto de entrar nun novo ano. O meu cesto de cereixas está a rebosar pero non quero “comerlles a moral” nestas datas e non vou entrar a fondo en tantas cousas que nos teñen preocupados. Simplemente me vou limitar a citalas; anuncialas brevemente para que vdes. se ven que son do seu interese, entren a fondo. Todas son de interese universal e particular. Aínda que agora nada hai particular; con isto do internet todo flota no aire, todo está aquí e alá ao mesmo tempo. Antes falábase do que ocorría en América e mirábase coma algo lonxe. Un avión tardaba un montón de horas en chegar e por tren non se podía ir; a nado para que lles vou a contar. Sen embargo agora abrimos un aparato que nos cabe no puño dunha man, dámoslle a un botón e xa temos América connosco.
Podemos saber o que alí ocorre en tempo real; podemos falar cos nosos amigos como se estiveran ao noso carón. En fin, como di a sentencia popular “as ciencias avanzan que é unha barbaridade”.
Imos logo, referenciar os temas que deixo para outras datas menos fraternais, menos solidarias, menos entrañables. Comecemos:
-Podemos comezar por esa “cumbre de Presidentes” a celebrar en Barcelona que, a estas horas que escribo, non está confirmada, aínda que todo apunta a que se vai celebrar. Ámbolos dous presidentes teñen moito que gañar e que perder nesa entrevista. -Cando vdes. lean estas líneas xa se saberá, seguramente, cando e onde se van encontrar.
-Os italianos pretenderon botarlle un pulso á UE pero finalmente tiveron que agachar a orella e aceptar as condicións de Bruxelas. Está claro: “Bruxelas locuta, causa finita est”, que dirían os latinos daqueles tempos, cambiando Bruxelas por Roma, claro está.
Xa os gregos no seu día, con Varufakis á fronte, estiveron “botándolle un pulso” á UE pero finalmente sucumbiron ás súas drásticas medidas. Nós non pasamos por iso porque Rajoy, daquela o mandamáis de turno, mercou uns pantalóns sen cinturón e así non tivo problemas para baixalos entoando o “si buanna, si buanna..“e así indicalo con naturalidade, non lle ordenaron baixar os pantalóns, xa lle cairon eles polo seu propio peso. E nós, coma espectadores, pagando unha dura entrada da que aínda non nos recuperamos.
-O Presidente Pedro Sánchez está demostrando ser un corredor de fondo ou un insensato. Nós quedámonos coa primeira acepción: corredor de fondo. Non se pode ser outra cousa para que coa que lle está caíndo todos os días siga aguantando o temón do País e “ameazando” os demais partidos políticos de seguir gobernando ata que teña o control do País. Ten un equipo de goberno infatigable que non dá tregua a ningún dos problemas enormes e serios que temos diante. Anuncia que no Consello de Ministros a celebrar o vindeiro día 21 en Barcelona vai anunciar medidas de goberno de grande envergadura social: subir as pensións mínimas máis do 3% e as restantes un 1,6%. Para os funcionarios anuncia un aumento demáis dun 2%. “Aí es ná”, que diría o xitano.
En relación ao problema catalán non se baixa da burra; todo dentro da constitución, nada fóra dela. Claro que para os cataláns esa cantiga xa non a teñen no seu repertorio. Veremos como lle sae a cousa; non é un asunto de Estado co que se poida banalizar.
-Estes días lin na prensa que as grandes construtoras, esas que facturan máis de 1.000 millóns de euros, pagan ao fisco o 1,2% dos seus beneficios e a gran banca o 2,9%. As restantes pagan un 6% e as pimes un 17%. É curioso. Os que máis gañan son os que menos cotizan. Logo cando o actual goberno di que tanto as grandes empresas coma os bancos deben cotizar máis á Facenda aparecen conspicuos analistas que tratan de facernos ver que ten que ser así; caso contrario marcharían para outros países. Que mágoa!!! E un pensionista sometido a un gravame do 17%. Si, si; un 17% é o que me descontan da miña pensión de Mestre.
Xa poden imaxinarse que grande pensión será, verdade? Como di a Ministra da Facenda, e ten máis razón ca un santo, aquí hai moito diñeiro, so falta poñelo ao servizo do pobo e non duns cantos que levan séculos muxindo a vaca do País, que é tanto coma dicir que nos moxen a todos.
-Cuidado que veñen os chinos!! Tempos ha escoitabamos isto e botabámonos a tremer. Hoxe son uns vecinos máis do edificio onde vivimos ou do bar onde tomamos unha copa.
Isto non é óbice para telos en conta. Nestes momentos están investindo en África máis de 60.000 millóns de euros; a UE decatouse de que estaba perdendo diñeiro e presenza e púxose as pilas, xa ten “xuntados” nin máis nin menos que 30.000 millóns dos 45,000 que entende debe investir no continente africano. Voces sensatas indican que o noso papel nesta guerra comercial entre China e a UE. é de simples anunciadores, destas cousas, porque non nos dan voz nen voto.
-Finalmente quero lembrarlles que outro tema de interese para este Nadal pode ser a desertización de Europa. Tema demasiado serio como para facer chistes. Entre os países “máis preparados” están España, Portugal, Italia, Chipre e Rumanía. Non estamos facendo os deberes e a nosa apatia lévanos á infertilización do solo o que leva implícito a rebaixa da produción de alimentos.
Ata aquí as miñas recomendacións. Vdes, logo, fagan o que máis lle guste e dea quentura ao corpiño.
BON FIN DE ANO E FELIZ ENTRADA EN 2019!!.