Ano de Franco, Ano de Castelao.

Obviamente nada teñen que ver un co outro pero coincide que demos (deron) en dedicarlle este ano 2025 a estes dous personaxes da nosa recente historia: a estatal e a nacionalista galega.

Respecto do primeiro personaxe dicir que as autoridades deste País chamado España terían que implicarse en dar coñecer aos dous personaxes encadrados nos seus respectivos ámbitos porque os dous foron importantes na política dos últimos tempos: Castelao por ter sido o referente máis nidio da Galicia do ultimo século e Franco por ter sido a figura máis denigrante que a historia recente nos ten ofrecido.

Nesta ocasión non vou meterme con Castelao. Xa haberá tempo de abondo ao longo de todo o ano para falar del; hoxe quero centrarme na ignorancia vencible que arrodea ao personaxe Francisco Franco.

O primeiro que se me ocorre e preguntarme e preguntar a quen queira que sexa responsable de por qué levamos mais de 40 anos sen informar aos cidadáns que xa daquela vestían pantalón longo e a todos os que viñeron despois que tiña pasado neste País dende os tempos de Alfonso XIII, polo menos? E digo dende esa data porque as cousas da Historia non se producen nun día nin nun pequeno espazo de tempo; precisan ser analizadas dentro dun espazo mais amplo, poñamos por caso dentro dun século.

Pregúntome por qué os Plans de estudios posteriores ao remate da Guerra Civil, mellor do Alzamento contra o Goberno lexítimo, non explicaron esa parte da nosa historia tan deteminante para o noso futuro? Esas que hoxe din nada saber de canto aconteceu nin de quen foron os responsables. Pensemos que nestes momentos temos a fronte da Xefatura do Estado un descendente directo daquel monarca que dixera, polo visto, que non quería enfrontamento duns españois contra os outros e subíndose a un barco en Cartaxena colleu rumbo a un dourado destino no que puidera disfrutar de canto lle roubara aos españois. Así vemos como dende aquela, e xa choveu, os borbóns seguen disfrutando e vivindo como “reis” a costa do erario público. Aí están os Papeis de Panamá para certificalo.

“Pregúntome por qué os Plans de estudios posteriores ao remate da Guerra Civil, mellor do Alzamento contra o Goberno lexítimo, non explicaron esa parte da nosa historia tan deteminante para o noso futuro?”

Aquel rei foise ao exilio dourado e chegou a República que, como todas as cousas feitas a correr, non foi quen de asentarse dunha maneira definitiva para endereitar o País. O Rei foise pero os monárquicos, mellor os grupos de Poder conservador que o sostiñan, non se foron. Aquí quedaron e aquí seguen.

Non imos darlles a lata nomeando aos personaxes responsables do fracaso da República, que os houbo. O que pretendemos dicir é por qué nos centros de educación dende aquelas datas e sobre todo dende que nos deron esa sacrosanta Constitución actual non se puxeron en marcha unhas novas Misións Pedagóxicas que tan bo resultado estaban dando antes durante a República? Por qué hoxe os nosos fillos e netos non teñen puñetera idea de quen foron os responsables de que neste País non puidera brotar e crecer un sistema de goberno coma o que xa existía noutros países da contorna?

Eu que me dediquei 40 anos ao ensino podo “presumir” que nos últimos 20 anos que me tocou enfrontarme aos rapaces e rapazas de entre 12 e 15 anos tratei de que souberan, polo menos, cal era a composición dos Poderes públicos (Parlamento, Senado, xefatura do Estado, Goberno, etc,). Como tiñan que enfrontarse a un xornal para entender por que daban a mesma noticia de maneira diferente e con valores distintos segundo fose o xornal. De quen manexaba a barca dos distintos periódicos que podían atoparse nos quioscos e aínda no propio colexio, aínda que fora, como fun, “denunciado” por, dicían, facer política na aula.

Cando falaba destes temas cos meus colegas a resposta era sempre a mesma: non quero ser denunciado polos pais e nais porque non teño quen me defenda. E, vive Deus, que era e segue sendo certo. Pero tamén é certo que un educador non pode renunciar a súa obriga moral de abrirlle os ollos aos que, polas razóns que aquí sería longo de explicar, están sumidos nunha ignorancia non culpable. E non só iso, están expostos a que grupos organizados politicamente que todos coñecemos lles metan nos miolos ideas que os confunden e os levan a erguer bandeiras sen decatarse da carga perigosa que levan nos seus mastros.

Hoxe corre un vento venenoso ao longo e ancho deste mundo mundial. Xa no se trata deste ou daquel País que se volveu perigoso para a democracia. Xa se trata dunha corrente tan forte que está inundando e contaminando a poboación de todos os continentes.

O goberno actual está tentando dar a coñecer que foi o que pasou. Faino tan diplomaticamente que moito me temo lle saia o tiro pola culata. Tiña que ir á raíz do mal. Tiña que revolucionar os libros de texto e o material que se ofrece nos centros para que os estudantes de todos os niveis se enchouparan de recente historia. Ben contada, honestamente contada, obviamente. Sen represalias nin mentiras pero contada.

Como dicía Tip e Coll “no próximo día falaremos do goberno”.

Sexan felices, páseno ben.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.