A Coruña | A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presentou este martes a programación do Ano Internacional María Casares, que se celebrará o vindeiro 2022 con numerosos actos para lembrar a figura desta actriz e personaxe público tan vinculado á cidade. A alcaldesa estivo acompañada do coordinador do programa, Xosé Aldea, consultor e xestor cultural especialista na xestión de grandes eventos e infraestruturas culturais.
Esta iniciativa xorde coa intención de identificar a María Casares coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común.
María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.
“A decisión de celebrar este ano internacional responde a dous eixes centrais da nosa acción política: a aposta pola cultura como elemento xerador de riqueza e oportunidades e a loita pola igualdade mediante a reivindicación das grandes mulleres que contribuíron a facer da Coruña o que hoxe é unha cidade moderna, aberta e cosmopolita”, sinalou a alcaldesa.
A súa orixe coruñesa acompañaríaa en París, Avignon e Alloue. Ela mesma dixo nunha ocasión: “Lembro con moito máis amargor a marcha da Coruña a Madrid que a de Madrid a París”. O Concello da Coruña impulsará no 2022, centenario do nacemento de María Casares, unha gran cantidade de actividades, tanto de creación propia como colaboracións vencelladas con Francia.
A alcaldesa destacou que “as actividades programadas permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo teatro desta grande actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo”.
Entre os actos que se celebrarán destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional.
Tal e como apuntaron Inés Rey e Xosé Aldea, aínda quedan moitos actos por anunciar en próximas datas. “Estou segura de que todas as actividades que desenvolveremos permitirannos incrementar o coñecemento sobre María Casares dentro e fóra da nosa cidade, honrar á contribución ao mundo do teatro desta gran actriz, fomentar os lazos e proxectos culturais con Francia e incrementar o coñecemento da nosa cidade no país galo”, dixo Inés Rey durante a presentación.
A comisaria deste Ano Internacional María Casares será María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, ensaísta e tradutora e especialista na figura de María Casares. O cartel, presentado tamén hoxe, é obra do ilustrador polaco Wozniak, realizado en 2014 para o blog de Ramón Chao.
Nova edición do programa Nocturnia
O Concello da Coruña lanzou este martes o seu programa Nocturnia para os meses de novembro e decembro. Trátase dunha iniciativa de ocio saudable para a mocidade da área de Igualdade, Benestar Social e Participación, e busca achegar alternativas de tempo libre para persoas de entre 12 e 30 anos.
Nesta nova edición organizada polo servizo de Participación e Xuventude ofértanse 728 prazas en máis de 70 actividades que se levarán a cabo todos os venres e sábados en diferentes horarios e espazos da cidade. Poderase participar en rutas teatralizadas para descubrir “as pantasmas da Coruña” ou en actividades moi diferentes como obradoiros de arquitectura xeodésica, maxia ou fotografía.
Nocturnia contará nesta edición tamén cos seus demandados obradoiros creativos, onde a estampación, o spencil, a ilustración ou o gravado terán moito peso.
O programa conta tamén con actividades deportivas ao aire libre e de posta en valor de espazos naturais e urbanos a través de rutas interpretativas en diferentes zonas de Galicia, actividades no medio acuático como paddel surf ou kayak, e actividades en instalacións deportivas como a escalada, a esgrima láser e o quidditch.
Nesta edición, como na do ano pasado, todos os actos estarán adecuados aos diferentes protocolos activados polas autoridades sanitarias na actualidade para o desenvolvemento de actividades no ámbito do ocio e tempo libre para a infancia e a xuventude.
“O compromiso do goberno municipal de Inés Rey coa mocidade coruñesa é claro con iniciativas como esta ou a apertura dos novos espazos de información xuvenil o pasado mes de abril”, sinalou a concelleira Yoya Neira.
A inscrición para as actividades da primeira fin de semana comeza hoxe, martes 2 de novembro, ás 16.00 horas. As prazas asignaranse por orde de inscrición a través do formulario da páxina web www.coruna.gal/nocturnia, onde tamén hai información adicional do programa.