Ano Novo, Vellas Causas.

Nos momentos que corren pode suceder -e sucede- que aquela persoa limpa poida semellar corrupta e ao mesmo tempo, e non é menos, calquera ladrón poida parecer unha persoa de ben ou mesmo un heroe. Na política sucede con frecuencia, anque tamén na vida dos comúns que habitamos este espazo onde a vida se xustifica cunha partida de nacemento máis que coa presencia debida. Estamos nun tempo falso e irresoluto, un tempo en que os papeis dan creto á xente que lle falta.

Os papeis mercan e venden, compran e xustifican chapuzas e agresións que se sucedan. Vivimos tempos de mesquindade, de Herodes que se volveron heroes gloriosos e renomeados, estrelas e protagonistas de moito pábulo que queren dar exemplo nese herdo de miserias que tantas veces ameaza e que por detrás da mesma pantalla esconden. Dentro habitan xenreiras que de modo natural xorden, tradúcense en guerras e afrontas, mentiras, non-verdades, pos-verdades e todas as variables que impiden que se saiba e reproduza a verdade.

Si, son cómplices tamén aquelas xentes que os amparan, sabendo ou sen saber que é mentira, só polo feito de divulgala e amplificala. Chegan a todos os sitios, colonizan e invaden o que con tanto traballo levara, mal ou ben, en base á experiencia e aos esteos de certeza, na realidade. Din que é mellor -e máis doado- destruír para construír de novo, sobre todo se seguimos ao rabaño e de acordo cos seus dogmas e postulados. E é difícil manterse, conseguir saber a verdade, porque todo son falsidades, ditas para polarizar e confundir, para crear a dúbida, para mal-meter, para crear inseguridades. Nelas, os ladróns ampáranse no medio da moita néboa, do fume. Son os que cando os pillan, propoñen repartir e conciliar culpas, complicar aos que están no arredor, para levar o beneficio correspondente. Personaxes que habitan a política e a vida social, crean intransixencias desde as redes sociais, divulgan a hipocrisía. Fan amigos e convencen con arte, seica tamén lles chaman influenciadores, e traballan con interese, xa político, económico ou de calquera filosofía invasora, para a que traballen. Mesmo por votos.

“O peor de todo é que neste trasfego perdemos a humanidade, dignidade e decencia”

O peor de todo é que neste trasfego perdemos a humanidade, dignidade e decencia. A ben entendida, aquela condición da empatía, aquela que comprendía inclusivamente á xente abeirada para que se incorporase e tomara parte do ben común. E non falo desde o sentido relixioso, que puidera parecer, sentido que moitas veces colle camiños violentos e chegan a producir enfrontamentos entre pobos e nos mesmos pobos, cos seus axiomas, máximas e preceptos.

Non, tampouco desde o sentido ideolóxico, que interpreta case sempre ao seu xeito, desde unha amalgama de próceres que ditan tamén dogmas e que necesariamente deben cumprir ou senón, non saes na foto. Non, non, digo humanidade desde o principio doado de ser partícipe, un principio que se perdeu na historia. Aquel de sentirmos persoas, humanos e comprender o que poida sucederlle a calquera, tanto como axudar, tanto como consolar e botar unha man e chamarlles irmáns.

Ese aspecto humanitario, altruísta, solidario e mesmo compasivo -pouco me gusta esta palabra. E debo dicir que a min nunca me convenceron quen empregaron dogmas -de calquera tipo- para chegar a entendementos, porque eles mesmos néganse. Non hai discriminación boa, calquera delas é de por si negativa. Prefiro, en principio, a consideración e as ganas de axudar á causa común, ser e exercer como o que somos.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.