Sempre por estas datas, e xa van aló preto de 40 anos, cando nos sentamos para facerlles chegar as nosas reflexións facémolo coa inocente pretensión de que o vindeiro ano sexa mellor que o que remata. A verdade é que non estamos seguros de se isto aconteceu nalgunha ocasión de tantas citadas. Sexa como sexa, nós somos teimudos e imos desexarlles un ano novo ventureiro, mellor que o pasado.
Pero diante de tantos temas que nestes momentos aflixen aos cidadáns deste Planeta Terra e dos que nós non nos salvamos temos que confesar que nos resulta difícil acertar. Polo tanto, chegados a este punto, temos que tomar unha decisión que xa está tomada: falaremos do cambio climático.
O cambio climático que ven sendo negado por moita xente é, ao noso modo de ver, un dos problemas máis serios que a humanidade ten a resolver se non quere verse condenada a unha morte lenta pero inexorable. Ou facemos algo importante e xa, ou cando queiramos reaccionar xa será tarde.
“O cambio climático que ven sendo negado por moita xente é, ao noso modo de ver, un dos problemas máis serios que a humanidade ten a resolver”
Obviamente eu non son un experto nestes temas polo que xa lles adianto que a información e os datos que lles vou facilitar son resultado das miñas lecturas nos distintos medios; medios que me merecen toda a credibilidade; medios que non están pagados polos negacionistas do cambio climático. Vexamos pois.
Segundo estudios do College de Londres e da Universidade de Oxford, o tifón Hagibis produciu en Japón, no ano 2019, danos por máis de 4.000 millóns de dólares. Nesa data caíron na rexión de Tokio 240 litros por m2; a maior concentración de auga dende que se teñen rexistros fiables (1976) Causou a morte a centenares de cidadáns e estragos que o converteron no 2º tifón máis destrutivo rexistrado no Pacífico Oriental. Os estudios sobre o mesmo determinaron que dos 10.000 millóns de dólares de perdas, 4.000 millóns foron debidos ao cambio climático.
A Organización Metereolóxica Mundial (OMM) presentou o seu informe anual sobre o estado do clima. Elaborado coas Axencias de todo o mundo para concluir: “é unha sombría confirmación do fracaso da humanidade para afrontar os cambios climáticos”, resume nun video Antonio Guterres, Secretario Xeral da ONU. Resumido: “ a vida que alberga o planeta Terra en calquera das súas formas está en perigo”.
Batéronse récords nos catro indicadores claves do cambio climático: grandes concentracións de gases de efecto invernadoiro; aumento do nivel do mar; calor oceánico e a acidificación dos océanos. Estes documentos foron utilizados nas negociacións da COP27 que tivo lugar en Exipto fai apenas uns meses. Os últimos oito anos foron os mais calurosos dende se se teñen rexistros en 1880. A temperatura media de 2021 foi de 1,11ºC mais quente que na época preindustrial de 1850/1900. Nestes momentos bátense tódolos records alarmantes: 1/ A concentracion de gases de efecto invernadoiro alcanzou en 2020 un novo máximo mundial e seguiu aumentando en 2021; 2/ Os niveis de dióxido de carbono (CO2) subiron ata as 418,81 partes por millón (ppm); o que supón un 150% máis que no período preindustrial.
Para entender a gravidade deste dato estímase que o nivel seguro de CO2 na atmósfera é de 350 ppm; valor xa superado na década dos 90. En canto a metano (CH4), o segundo gas que máis contribúe ao calentamento global, alcanzou en 2021 valores récord na atmósfera por segundo ano consecutivo ao chegar as 1889 partes por mil millóns; un 26% superior a época preindustrial. O mesmo podemos dicir do ácido nitroso (N2O): 333,2 ppmm, en 2021, un 123% mais.
Os océanos alcanzaron temperaturas nunca vistas. Seguindo coa auga, dicir que en 2021 alcanzouse un novo récord; unha media de 4.5 mm por ano durante o período 2013/2021; supón o doble da taxa rexistrada entre 1993/2002. Segundo os científicos, a razón é a perda acelerada da masa de xelo o que pon en risco a millóns de persoas que viven próximas á costa. Os glaciares do mundo adelgazaron 33,5 metros (equivalente en xelo) dende 1950. O 76% produciuse dende 1980.
En Groenlandia produciuse un desxeo excepcional a mediados de agosto e rexistráronse as primeiras precipitacións líquidas da historia na Estación cumbre, o punto máis alto da capa de xelo a 3.216 metros de altitude.
O burato da capa de ozono sobre a Antártida foi inusualmente extenso e profundo. Alcanzou un máximo de 24,8 millóns de kms. cadrados. As altas temperaturas tamén deixaron fitos históricos: 54,4º no Valle da Morte, en California; na Columbia Británica canadiense alcanzáronse os 49,6ºC, o que produciu devastadores incendios forestais.
“O burato da capa de ozono sobre a Antártida foi inusualmente extenso e profundo”
En perdas económicas, dicir que en Alemaña as inundacións causaron perdas por 20.000 millóns de euros; en China por valor de 17.700 millóns. Só en EEUU as perdas superaron os 75.000 millóns de dólares. Guterres acusou aos que manteñen o negocio sobre o carbón, o petróleo e o gas como responsables principais do calentamento do Planeta.
Para ir rematando, dicir que que se fixo e que se tería que facer. A COP27 xa é historia. Logrouse constituír un fondo para axudar aos países máis vulnerables e chegouse a sensación de non ter feito o que se podería conseguir. É un fito histórico ter reunido a máis de 200 países, por iso mesmo faise preciso cambiar a forma en que se producen antes de que sexa demasiado tarde, sexa algo inútil e perda de credibilidade.
Nos últimos tempos foron unha especie de FITUR. Os países ata dispuñan de pavillóns propios, daban conferencias e incluso agasallaban con comida e bebidas gratis. Tamén están presentes as empresas responsables de que estes eventos se celebren. É coma organizar un congreso sobre o cancro de pulmón e que Philip Morris, a maior tabaqueira do mundo, estexa presente. Estanse converetendo en feiras comerciais con acordos enerxéticos, incluídos sobre combustibles fósiles. Mentres están discutindo sobre combustibles fósiles as empresas están gañando miles de millóns de dolares. Aínda que acoden máis de 3.000 medios de comunicación, estes céntranse máis nos líderes mundiais que acoden a estes cumios que nos acordos ou desacordos que alí se producen.
Grazas ás listas que publica a ONU é posible saber exactamente canta xente acudiu a cada cumio, número de empresas e organizacións ás que pertencen. Así sabemos que na última acreditáronse mais de 600 lobbistas de todo o mundo ligados a combustibles fósiles. Entre eles están empresas e organizacións españolas como Iberdrola e a CEOE. A COP27 apuntáronse 33.449 persoas. Sobre estes temas escoitamos as máis variopintas declaracións, aínda que nestes momentos xa ninguén se atreve a confirmar que o cambio climático non existe.
Sexan felices e que o novo ano lles traia, alomenos, algo do que lle pediron.