Ano XXV.

Cadernos da viaxe.

Imos cara ao comezo do derradeiro ano do primeiro cuarto do século XXI albiscando inequívocos sinais da fin dunha época, tanto no Estado como na Unión Europea. Agardando, ademais, con non pouca prevención, cando non medo, o que vai dar de si dende o 20 de xaneiro unha Administración Trump-Musk alicerzada nun fanatismo extremista que colonizará tamén unha eventual maioría republicana na Cámara dos Representantes e non é previsíbel que teña freo eficaz na maioría dereitista do Tribunal Supremo USA. Para o sistema político norteamericano a derradeira esperanza é a descentralización federal do Poder nos USA, no que sobrancean os Estados e poderes locais no que atinxe á política interna.

No peche do ano 2024 albiscamos un evidente pulo na Xefatura do Estado cara un meirande protagonismo político, reseteando aquilo tan borbónico de propor unha suposta política “limpa” e “patriótica”, fronte ás supostamente estériles loitas partidistas. Disimulando as distancias, un pulo moi semellante ao borboneo do bisavó do Xefe do Estado, Alfonso XIII na crise política que deu cabo ao bipartisdisamo dinástico (1917-1923) e que rematou na ditadura de Primo de Rivera. Entón, como seica comeza facelo agora, o Borbón de quenda amosouse a xeito de referente do que eles chaman “Nación española” alén da loita partidista con perspectiva e ideas de seu. Velaí as recentes viaxes ao País Valencià nas que desenvolveu unha axenda de seu na que nin se consultou ás alcaldías das localidades atinxidas pola viaxe.

É verdade que o bipartidismo dinástico de 2024 semella tan esgotado en ideas, proxectos e prestixio social como o bipartidismo dinástico de 1923. Na súa ladaíña de fin de ano Núñez Feijóo amosou a súa imposibilidade para enfiar unha alternativa de centro-dereita moderada. Prisioneiro como está dende 2022 da axenda común a Voz e a Díaz Ayuso non dubidou en refugar calquera concreción de achegamento ao PNV e Junts, manifestando de xeito absolutamente estéril un desaquelado desexo de prender a Puigdemont cando sabe que a aprobación sa amnistía polos Tribunais Constitucional e da Unión Europea é cousa de poucos meses.

“É verdade que o bipartidismo dinástico de 2024 semella tan esgotado en ideas, proxectos e prestixio social como o bipartidismo dinástico de 1923”

Tampouco foi quen de explicar políticas alternativas en vivenda, enerxía, pensións, educación, servizos públicos ou futuro da Unión Europea pola sinxela razón que non existen, malia contar con once gobernos autonómicos, nos que a única política común é a deterioración dos servizos públicos e as políticas a prol dos seus amiguiños. O PP enfronta un ano difícil, onde Vox reduce distancia electoral co PP mentres amosa unha potente rede internacional (terá o apoio político e económico de Trump e Musk, de Meloni, Bukele, Milei, Wilders, Orban e Le Pen) e unha moi preocupante presenza social na denominada polo profesor Miguel Anxo Bastos (USC)” “España española”, da que imos safando na Catalunya, Euskadi, Nafarroa e Galicia, mentres semella que, aos poucos, diminué nas Illes e, desgrazadamente, non se poida dicir o mesmo no País Valencià, malia que Compromìs e o valencianismo social están a  ser quen de enfrontalos nesta crise post-dina. Sen propor valores democráticos propios alternativos á extrema dereita o PP é susceptíbel de ser xibarizado por Vox nesa España española. Senón ao tempo.

Pedro Sánchez remata tamén o ano cun liderado indubidábel á fronte do PSOE e cun testado relato de ser vítima da lawfare xudicial. E, sendo evidente a existencia do tal no proceso de aplicación da amnistía ou, en xeral, nas causas xudiciais abertas á súa cónxuxe, noutras causas xudiciais a persoas vencelladas ao PSOE no Goberno do Estado entre o 2020 e 2022, existen pegadas de condutas que poden ser delictivas e que teñen unha especial gravidade por se producir no tempo da excepcionalidade da pandemia, que determinou as urxencias na contratación de material sanitario e o nidio afrouxamento dos seus controis administrativos  Ao tempo non se albiscan ideas-forza cara á estabilización da maioría da investidura, que haberían xirar arredor dunha axenda pactada común , moi factíbel canto á progresión dos autogobernos das nacións do Estado cara á plurinacionalidade e a respecto  de políticas de afondamento democrático  cara á  protección e garantía dos  dereitos fundamentais. Mais o PSOE e Sánchez son rápidos para pactar e moi lentos para cumprir os pactos. Nestas circunstancias non será posíbel unha moción de censura con Núñez Feijóo de candidato, mais entra dentro do posíbel unha fin moi anticipada da lexislatura se Sánchez non é quen de cumprir algo importante do que pactou, para o que aínda lle queda marxe, malia que pouca.

“Na Galicia o BNG habería seguir desenvolvendo a súa axenda social,  atenta aos intereses económicos do país e das súas maiorías sociais”

Na Galicia o BNG habería seguir desenvolvendo a súa axenda social,  atenta aos intereses económicos do país e das súas maiorías sociais. Traballo que  obriga a un interclasismo transversal non sempre  doado de desenvolver como chave para o alargamento da propia base, na perspectiva das locais de 2027 e das nacionais da fin de 2027 ou primeiros de 2028. Mais esta axenda social habería ser totalmente compatíbel cunha axenda nacional, de afortalamento dos elementos e sinais de identidade e de asunción dos valores democráticos, feministas e ambientais como elementos inclusivos e non divisivos.

Velaí porque os obxectivos de autonomía enerxética han ser compatíbeis cos de autonomía alimentaria, pois que compre compatibilizar o ecoloxismo coa sostibilidade da actividade económica das comunidades pesqueiras e agrogandeiras. Son tempos tamén para afondar nunha política exterior alicerzada nos obxectivos comúns de GALEUSCAT, respectando sempre os intereses propios de cada país e opoñendo a cultura política inclusiva, pacífica e democrática dos soberanismos ao supremacismo e violencia verbal da extrema dereita de Vox e o seu contexto.

Cómpre estarmos atentos, pois a este Ano XXV, xa dende as súas primeiras semanas, nas que algúns anuncian remudas importantes. Saúde, Terra e sorte. E moi feliz Ano Novo.

 

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.