Salvaterra de Miño | As dúas portas de acceso principal ao interior do recinto amurallado, a Igrexa de San Lourenzo e o insigne Castelo de Dona Urraca contan, xa mesmo, con diferentes rótulos que recollen a través de fotografías, planos e pequenos textos, cales son os aspectos histórico-artísticos que o visitante non debería ignorar na súa visita á Praza Forte do municipio.
Construída no século XVII, a Fortaleza de Salvaterra de Miño, consta de catro baluartes e dous semibaluartes unidos por cortinas de muros rectangulares, alzándose altivo coma un impoñente conxunto defensivo fronteirizo.
Asemade, o Castelo de Dona Urraca, que conserva parte da súa estrutura medieval orixinal, segue sendo un dos edificios máis representativos de toda a comarca. No seu interior, aínda se pode contemplar unha curiosísima escaleira de caracol de dobre rampla, exemplar único no país.
A Igrexa de San Lourenzo, sería obxecto de diversas modificacións dende a súa orixe no século XIII, momento no que foi ideada como simple capela militar.
Este circuíto cultural, cérrase coa visita á antiga “Casa do Conde”, antiga zona residencial dos gobernadores da Fortaleza.
A través deste percorrido de carteis ilustrativos, o visitante poderá achegarse á riqueza arquitectónica e histórica da que goza esta “Vila Milenaria”.