Ourense | A sétima edición da Feira Internacional de Antigüidades, Antiq Auria, abriu as súas portas esta tarde en Expourense ofrecendo ao visitante unha viaxe ao pasado, desde o máis afastado (século XVIII e XIX) ata o máis recente da década dos 80 e 90 do século XX e mesmo xa de comezos do XXI.
Un total de 45 expositores de España, Portugal, Suíza e Francia ofrecen miles de obxectos de todos os prezos, tamaños, gustos e épocas nunha cita organizada pola Asociación “Memoria Antiga” coa colaboración de Expourense e da Deputación.
Antiq Auria esperta o interese de multitude de curiosos que se achegaron ata Expourense desde primeira hora, sendo continua a chegada de visitas ao longo desta primeira tarde.
Participan nesta feira expositores procedentes de varios puntos de España (Galicia, Asturias, Cantabria, Andalucía e Comunidade Valenciana) e Portugal e tamén expositores de Suíza e Francia. Destaca nesta edición a presenza por primeira vez de expositores de referencia que participan nos mercados de antiguëdades máis importantes de Europa que son os celebrados no sur de Francia (Montpellier, Avignon e Beziers) xa que son os que maior número de anticuarios concentran.
O obxectivo de Antiq Auria, tal e como indican desde “Memoria Antiga”, é “poñer en valor o antigo e que a xente conserve e tómelle agarimo ás cousas vellas porque son parte da súa historia”. Ao mesmo tempo, queren promover o hábito de comprar antigüidades.
Todos os obxectos expostos pódense englobar nas categorías de antigüidades, coleccionismo ou vintage pero resulta complicado elixir o sector máis representado porque, facendo un percorrido polo recinto, pode concluírse en que hai absolutamente de todo.
No referente ás antigüidades propiamente ditas (obxecto con máis de 50 anos) poden atoparse xoguetes, teléfonos, reloxos, mobles, xoias, utensilios de prata, porcelanas etc. Na sección de coleccionismo pódese atopar numismática, filatelia, obxectos militares e relixiosos. A feira conta tamén cunha área reservada aos obxectos vintage (século XX), que se converteron nunha moda e nun referente na decoración de fogares e negocios.
O horario de apertura será mañá sábado 7 e o domingo 8 de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 h.. A entrada ten un custo de 3 euros e é gratuíta para menores de 12 anos.
Durante esta sétima edición repetirase a “gran poxa” que terá lugar o domingo 8 pola mañá a partir das 12.00 h. Cada expositor cederá un obxecto para poxar entre o público asistente e cada un deles terá un prezo de saída de 5 euros. “Trátase dunha boa oportunidade para facerse con pezas únicas a moi bo prezo”, explican os organizadores. Ademais, para premiar a fidelidade sortearase entre os visitantes unha antigüidade achegada por “Memoria Antigüa”.