Antón Failde Gago.

Foi un escultor galego, nado en Ourense en 1907 e finado tamén en Ourense en 1979. A súa familia era de orixe humilde. A súa nai emigrou a América e el ficou na aldea ao coidado dos avós. O seu tataravó foi canteiro e el tamén traballou como canteiro en Ourense desde os doce anos. Matriculouse na Escola de Artes e Oficios e iniciouse tamén na talla de madeira. E montou o seu propio taller. Estudou as esculturas da catedral de Ourense, en especial do Pórtico do Paraíso e acudía tamén con frecuencia ao Musero Arqueolóxico… Trabou amizade con intelectuais da Xeneración “Nós” como Vicente Risco, Florentino Cuevillas e Otero Pedrayo. Grazas a unha bolsa da Deputación de Ourense puido continuar a súa formación na Escola de San Fernando de Madrid. Estando alí comezou a Guerra Civil e el regresou a Ourense, onde gañou unha praza como profesor da Escola de Artes e Oficios, cesando voluntariamente deste traballo en 1956. Expuxo con éxito en Ourense, Vigo, Madrid, Barcelona, Bos Aires, Caracas,… Foi elexido membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando e realizou monumentos públicos como a estatua de Alfonso X “o Sabio” en Pontedeume ou o busto de Bolívar en Vigo.


Amosa interés por plasmar a vida cotidiana. Unhas das súas temáticas máis frecuentes, tanto en pedra como en barro son as maternidades, a infancia, a muller, os grupos populares,… Tamén é típico del o primitivismo e o lirismo nas súas obras, que enlazan coa tradición popular galega dos canteiros. Hoxe mesmo, cando escribo estas letras, volvín ver unha exposición de obras súas en Ourense na sala Valente (exposición que recomendo visitar e na que hai esculturas en granito, barro, madeira, relevos, debuxos e ata ferramentas de traballo). Recentemente, a súa familia agasallou á cidade de Ourense coa escultura do autor “muller soñando”, que se vía na exposición e que vén sendo un fermoso poema en pedra que agora podemos contemplar nas Lagoas, á altura da rúa que leva o seu nome.

Recentemente, deu a prensa a nova do pasamento do seu fillo, Miguel Angel Faílde, que colaborou co seu pai e conservou a súa obra. D.E.P.

Funcionario de prisións xubilado, Ourense.