A Guarda | O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba, reuniuse este mércores día 26 de decembro de 2018 con Francisco Menendez, Director da Axencia Galega de Infraestruturas, e con José Manuel Cores Tourís, Delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, con varios puntos a tratar sobre diferentes obras e infraestruturas na Guarda e na Comarca do Baixo Miño.
Esta reunión prodúcese despois de ter solicitado previamente unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, ante a preocupación por diferentes proxectos estratéxicos para A Guarda.
En primeiro lugar o alcalde da Guarda abordou o tema das obras da autovía urbana entre Goián e Tui, neste senso, trasladou a súa preocupación polo atraso na licitación e execución da conexión do Polígono de Areas (Tui) coa Autovía A-52 e a redacción do proxecto de desdobramento do tramo entre Estás e a rotonda de Goián (Tomiño), compromisos que estaban previstos para este ano 2018
Francisco Menéndez explicou ao Alcalde da Guarda que a previsión é que no ano 2019 se licite e execute a conexión do Polígono de Areas en Tui coa Autovía A-52, un proxecto que ascende a 14 millóns de Euros. Tamén destacou que, de momento, non está redactado o proxecto de desdobramento da PO-552 entre Goián e Estás en Tomiño, que teñen previsto licitar entre finais de 2019 e principios de 2020.
O tramo intermedio comprendido entre Estás e Tui, aínda non está definido, paso previo para ser sometido a un informe de impacto ambiental. A pesar dos atrasos, Francisco Menéndez, sinalou que se manteñen os compromisos con esta infraestrutura que o alcalde considera prioritaria para A Guarda.
Outro dos temas da reunión foi o Acceso sur ao Porto da Guarda, cuxo proxecto de execución foi enviado pola Deputación ás consellerías que teñen que emitir informes e do que xa teñen coñecemento na de infraestruturas e mobilidade. Neste senso Francisco Menéndez dixo que non entra dentro das prioridades da Axencia posto que é unha vía interior que afecta a unha soa poboación para dar servizo ao Porto da Guarda. Así mesmo entende que sexa importante tanto para o concello como para portos de Galicia, dado as obras que se están levando a cabo na Rúa Concepción Arenal que ata o momento era a principal vía de acceso ao porto. Indicou tamén que apoian unha infraestrutura coma esta, pero a hora de falar da financiamento entende que se debe procurar que as fontes principais deben estar relacionadas coa finalidade do vial.
Antonio Lomba tamén trasladou a súa preocupación pola inseguridade viaria e peonil na Estrada de Circunvalación ao Monte Santa Trega, por unha banda indicou o edil que a circulación de vehículos é totalmente insegura dado o ancho dos carrís de circulación, dando lugar a que si se cruzan dous vehículos de gran tamaño (autobuses ou camións) un deles tería que saírse da vía e pisar unha beiravía que non existe. Neste senso dende a Axencia Galega de Infraestruturas declararon que o criterio que se segue a hora de actuar sobre unha estrada é a densidade de tráfico da vía e a concentración de accidentes da mesma, a este respecto, Antonio Lomba, trasladou a súa preocupación ante o aumento significativo do tráfico nesta vía na tempada estival polo acceso ás diferentes zonas de praias do municipio e a súa queixa por considerar un criterio para actuar na vía a concentración de accidentes.
Tamén destacou o alcalde da Guarda que dende o punto de vista da circulación de peóns é moi insegura, posto que non ten ningún tipo de beiravías. Francisco Menéndez manifestou que dende a Axencia Galega de Infraestruturas están a realizar un plan de sendas peonís, atendendo ás prioridades que marca cada Concello, e manteñen o compromiso que para o 2019 se realice unha proposta de construción de sendas peonís na Comarca do Baixo Miño. Neste punto, Antonio Lomba, adiantou que esta terá que ser unha das sendas que formarán parte desta actuación comarcal.