Cadernos da viaxe.
O deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello (En Marea) ven de lle preguntar ao Goberno do Estado cando pensa anular o xuizo no que un tribunal “de facto” condenou Alexandre Bóveda no 1936. Esta esixencia, amplamente abeirada na opinón pública galega , ven de se expresar tamén pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, este venres 17, aniversario do asasinato do devandito patriota galego.
A Lei estatal da Memoria Histórica do 2007 (LMH) declarou a ilexitimidade das condenas penais decididas polos ilegais tribunais de excepción, quer militares, quer o TOP ou os Tribunais de Responsabilidades Políticas. Mais non anulou estas condenas. As Salas do Militar e do Penal do Tribunal Supremo rexeitaron sempre todas as solicitudes de anulación destas condenas do franquismo. Porque seica (eu dubídoo, mais isto é outra lea) cómpre unha Lei que declare esta nulidade. O máis axeitado,neste senso, sería introducir unha disposición “ad hoc” na Lei de Axuizamento Criminal
A nulidade das condenas do franquismo é unha cuestión de dignidade democrática e de reparación moral. Mais tamèn de reparación económica. E velaí o problema no seu día de Zapatero e hoxendía de Sánchez. Anular a sentenza de Alexandre Bóveda ou de calquera outro represaliado suporía reparar cadansúas familias nos gravosísimos efectos patrimoniais das responsabilidades civís e multas impostas, cando non devolver propiedades adquiridas de mala fe nos procedementos de execución xudiciais e administrativos por persoas e empresas achegadas ao réxime de facto franquista.
Mais unha democracia real e madura terá de enfrontar a nulidade destes xuizos, como fixo Alemaña, en dúas ocasións a falta dunha. Fíxoo despois do 1945 coas condenas dos tribunais nazis e despois do 1990 coas condenas dos tribunais da RDA. Indemnizando económicamente ás vítimas destes pseudoTribunais.
Adoita afirmar a xornalista Cristina Fallarás que o Estado español é o Estado europeo no que menos se reparou ás vítimas da violencia institucional. Pois mentres os alemáns damnificados polo nazismo (ou pola Stasi da RDA), e os italianos agredidos polo fascismo foron reparados, aquí seguemos na teoría de pasarmos a páxina.
E cómpre, si, pasarmos de vez esa páxina, esa folla. Mais antes cómpre lérmola ben a xeito.