A Guarda/BNG | O BNG da Guarda vén de elexir a Anxo Baz como candidato a Alcaldía por unanimidade. A responsábel local do BNG, Bea Lomba na súa presentación destacou de Anxo Baz que coñece ben os problemas da sociedade guardesa e nestes últimos anos adquiriu a experiencia necesaria para colocar este concello no lugar que lle corresponde.
A Guarda leva demasiado tempo parada, desaproveitando oportunidades cando temos un concello que é un diamante en bruto: temos un enorme patrimonio tanto cultural como natural e xente talentosa con grande capacidade de iniciativa.
As distintas intervencións que se sucederon na asemblea coincidiron en cualificar a Anxo como unha persoa “dialogante, próxima, amable e humilde, e con capacidade para darlle A Guarda un novo rumbo cun proxecto de goberno para aproveitar todo o seu potencial”.
Pola súa banda Anxo Baz fixo fincapé na urxencia de sacar A Guarda adiante porque pese a todas as súas fortalezas o municipio está “estancando”, unha situación na que leva moito tempo. Temos un proxecto para colocar esta vila na vangarda saíndo da rutina e coa valentía suficiente para modernizar e transformar A Guarda e para mellorar a calidade de vida da veciñanza, afondou. “Nun momento como o actual, de grandes cambios e transformacións a nivel global, hai que sacar A Guarda dese bucle de apatía e poñer en marcha un novo proxecto, para poñela a funcionar, na vangarda, con confianza nas potencialidades que temos aquí. E podemos facelo. Así o facemos en todos os Concellos que gobernamos, que avanzan da man do Bloque”, explicou.