CARBALLO | O Concello, a través da Concellaría de Mobilidade que dirixe Milagros Lantes, pon en marcha a campaña “Apárcate en Carballo”, unha iniciativa que pretende favorecer que os veciños e veciñas do municipio, pero tamén os visitantes habituais e ocasionais da vila, tanto de poboacións limítrofes, como da Costa da Morte, coñezan as vantaxes que teñen á hora de achegarse á vila tanto para realizar as súas xestións como as súas compras. Para iso repartiranse 10.000 exemplares dun díptico despregable no que aparecen todas as áreas de estacionamento gratuítas de Carballo, que ofrecen un total de 1.897 prazas en bolsas de aparcadoiros a menos de 10 minutos a pé do centro da vila, ademais de 431 prazas de Zona Azul nas principais vías comerciais e 78 prazas para persoas discapacitadas en 50 rúas do casco urbano. Así mesmo, inclúese un plano do Metrominuto, un mapa que indica a distancia que hai entre dous puntos da capital municipal e o tempo que se tarda en percorrelas a pé. Ademais, en distintos puntos da vila hai indicadores para poder orientarse co metrominuto. Por último, o díptico recolle dez motivos polos que a xente debe “aparcarse” en Carballo para realizar tanto xestións administrativas ou de negocios como actividades de ocio, culturais, deportivas, para participar das feiras ou mesmo para relaxarse ou probar o famoso pan de Carballo. O díptico será distribuído nos principais edificios públicos e zonas comerciais da capital municipal e estará a disposición de todos os veciños e veciñas e visitantes.
“A capital municipal ten preto de 1900 prazas de aparcamento gratuítas”
Esta campaña xorde no marco das recentes actuacións para asfaltar seis das bolsas de aparcadoiros gratuítos presentes na capital municipal situadas na contorna das rúas Pontevedra e Roberto Vidal Bolaño -entre a Biblioteca, na rúa Bos Aires, e no Parque Rego da Balsa- na Horta do Casino e no aparcadoiro do Pazo da Cultura. Ademais de estas zonas de estacionamento, no mapa de “Apárcate en Carballo” están sinalizadas a do Centro Comercial Bergantiños -de titularidade municipal as prazas situadas en superficie-, a da Vila de Negreira, a do San Mariño, a da Rúa Xirona, a da Estación de Autobuses, a do Fórum Carballo, a da rúa Río Miño, a da rúa Vila de Coristanco, a da Rúa Vila de Corcubión e a da rúa Carballo Calero, con un total de 21 áreas dispoñibles. Dende hoxe, ademais, estas zonas xa son 22, xa que os veciños e veciñas xa poden apartar tamén nun espazo con capacidade para pouco máis de 20 prazas na contorna das rúas Doutor Fleming e Andorra (na imaxe). Trátase dunha área con moito tráfico de vehículos e na que hai dificultades para estacionar debido á presenza de moitos vaos permanentes e comerciais. Con estas novas prazas, o Concello espera mellorar a situación dos condutores que de cotío circulan pola zona.