Mondariz/AporM | O portavoz de AporM, Xoán C. Montes Bugarín, anunciou que acudirá á concentración que prepara a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en Mondariz, a celebrar o vindeiro mércores, día 22 ás 20:30 h diante do Centro de Saúde.
A maiores, o partido municipalista, que encabezou a lista máis votada nas últimas eleccións municipais, fixo público que, o próximo venres, día 24, o seu grupo levará ao pleno ordinario de Mondariz unha batería de medidas que pretenden mellorar o centro de saúde da localidade.
Estas propostas, que son demandas do persoal sanitario local, son:
1.- O espazo dedicado a reanimación é compartido co de extraccións, cando os profesionais opinan que o desexable sería que fosen espazos separados, diferenciados, para optimizar a atención sanitaria.
2.- É necesario dotar a todos os baños públicos do Centro de Saúde de aireación natural, para mellorar a súa salubridade e hixiene.
3.- Mellorar o acceso ao ambulatorio, de forma que a entrada teña lugar por unha porta diferente á da saída, para evitar a proximidade física entre as persoas usuarias.
4.- Dotar ao exterior do edificio dunha viseira protectora que evite que as persoas usuarias sufran as inclemencias meteorolóxicas –nomeadamente a chuvia– mentres esperan a ser atendidas.
5.- O Pleno da Corporación debe esixir que o SERGAS cubra as baixas dos pediatras e dos médicos, evitando así a saturación das axendas dos profesionais que traballan no centro. AporM quere dar o seu apoio publicamente á Plataforma en defensa da Sanidade Pública do Condado.
“A sanidade pública é un dereito universal que sostemos cos nosos impostos, polo que ten que mellorar día a día. Non podemos consentir que a atención sanitaria en Mondariz e no Condado se deteriore e, na vez de mellorar, se deteriore pouco a pouco”, concluíu.