Mondariz | Co apoio de Alternativa por Mondariz (AporM), a Entidade Local Menor (ELM) de Vilasobroso solicitou ante o Pleno da Corporación Municipal que o Concello de Mondariz bonificase co 50% da cota do ICIO a liquidación provisional deste imposto municipal para o proxecto da ELM de Vilasobroso na antiga Escola de Valiño. O Concello reclamáballe á ELM 9.663,50 euros pola concesión da licenza de obra.
Na liquidación provisional do ICIO que inclúe a resolución do Concello de Mondariz non se recollía ningún tipo de bonificación, cando o proxecto que se está a executar reúne os requisitos de interese social e cultural ás que se refire o art. 7.1 da ordenanza municipal que regula o ICIO (BOP nº 247 do 28.12.2006).
Por tanto, esta iniciativa foi aprobada por unanimidade dos membros da Corporación, o que suporá que a ELM de Vilasobroso aforrará 4.831 € en impostos por esta obra.
Este aforro vaille permitir investir en melloras na obra que está a realizar na escola de Valiño.