Mondariz/Alternativa por Mondariz | Xoán C. Montes Bugarín -Calis-, candidato de AporM, avoga por crear un consorcio co Concello de Mondariz Balneario para compartir algúns ámbitos de xestión pública.
O alcaldable opina que “Mondariz e Mondariz Balneario teñen unha oportunidade nas próximas eleccións municipais para reiniciar a súa relación, abrindo unha nova etapa de entendemento e colaboración para mellorar o funcionamento dos servizos públicos e abaratar custes”.
Para iso propoñen a creación dun consorcio, unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia e diferenciada, creadas por varias administracións para o desenvolvemento de actividades de interese común a todas elas dentro do ámbito das súas competencias.
As áreas que a forma municipalista e galeguista sinalan como prioritarias son:
1.- Recollida do lixo, compartindo persoal e maquinaria, nomeadamente os camións de
recollida de lixo. AporM propón compartir a nave de servizos da que é titular con Mondariz
Balneario e, se é necesario, abordar unha ampliación de forma conxunta “para optimizar o seu uso e que a maquinaria estea ben conservada e nunhas condicións de uso excelente”.
2.- Policía local. Para Calis é unha prioridade sumar un novo axente de policía ao cadro de
persoal do concello, de maneira que sexan dous os axentes que presten os seus servizos de
forma indistinta en Mondariz e Mondariz Balneario. A xefatura da policía será compartida entre os alcaldes de ambos concellos, atendendo a un criterio de poboación e extensión territorial.
3.- Piscina e Praia fluvial do Curuxón. Na actualidade Mondariz Balneario carece dunha
piscina municipal. Ademais a que é propiedade do Concello de Mondariz permanece pechada e necesita levar a cabo unha serie de obras para abrila ao público. A maiores a praia fluvial máis próxima a M.Balneario -a do Curuxón- está dentro do termo municipal de Mondariz e presenta un mal estado de conservación (varandas rotas, cambiadores inutilizados, inexistencia de control de calidade da auga, etc.). AporM pretende consorciar entre ambos municipios esta praia fluvial para poñela a disposición da veciñanza de ambos concellos.
4.- Turismo. Calis pretende que Mondariz e Mondariz Balneario elaboren un plan de
promoción turística de forma conxunta, creando unha oferta culinaria, natural, cultural e de aloxamento compartida, para que as persoas que nos visitan coñezan todos os nosos recursos e os visiten, achegándolles unha oferta e unha información atractiva e de calidade.
5.- Depuradora de augas residuais. Ambos concellos comparten dous ríos, o Xabriña e o
Tea, polo que a solución ao problema de depuración de augas sucias debe ser conxunta,
compartida. AporM quere chegar a un acordo definitivo con Mondariz Balneario sobre o
problema da EDAR, que foi construída para xestionar as augas residuais dos dous municipios.
6.- Instalacións e eventos deportivos. Pretendemos compartir tamén as instalacións
deportivas, xa que Mondariz Balneario carece de campo de fútbol e de pavillón polideportivo cuberto. A nosa formación quere que os eventos deportivos de impacto nas que colabora o concello se desenvolvan nos dous termos municipais; pretendemos tamén que Mondariz Balneario participe na Escola de Fútbol da Lagoa. Por último, traballaremos por recuperar o torneo de fútbol sala estival que tivo moita sona en Mondariz na década dos anos 1980 e 1990.
7.- Programación cultural. Montes Bugarín pretende que ambos concellos leven a cabo unha programación cultural única, para evitar contraprogramarse e restar público aos actos culturais que se planifican. “Queremos que os veciños asistan aos espectáculos que se programan en ambas localidades e crear unha oferta conxunta que nos permita traer concertos musicais e obras de teatro que, de maneira individual, resulta imposible”.
Mutuo beneficio
Para o candidato de AporM a creación deste consorcio deberá ser voluntaria e buscará en todo momento a cooperación en mutuo beneficio das veciñas e veciños de ambas localidades. “Trátase de levar ao campo municipal o que xa existe noutros concellos que comparten un mesmo territorio, onde os veciños fan a súa vida por igual nos dous termos municipais, como acontece coas vilas fronteirizas do Miño”, sinalou como exemplo. “Buscamos a mellora da eficiencia na xestión pública e a eliminación de duplicidades, o que nos permitirá reducir o custe dos servizos públicos”.