Mondariz/Alternativa por Mondariz | O concelleiro de AporM Tino Menéndez e o portavoz municipal Xoán C. Montes Bugarín veñen de visitar a depuradora que ía prestar servizo aos barrios da Pena e O Cruceiro, na parroquia de Vilasobroso. Alí comprobaron que, case un ano despois da súa recepción por parte do Concello de Mondariz, segue sen entrar en funcionamento.
O goberno municipal leva 10 meses sen contratar a conexión eléctrica desta instalación, polo que a depuradora non pode entrar en servizo. Estas actuacións consisten na construción dunha depuradora de augas residuais, mediante humidais artificiais para fluxo subsuperficial de aireación forzada.
Este proxecto foi redactado no mandato anterior, sendo alcalde Montes Bugarín. Ambos os dous edís consideran que, cando se contratou a obra, xa se debería ter incluído no orzamento a conexión eléctrica da instalación para aforrarlle cartos ao concello e para acelerar a súa entrada en servizo, o que evitaría a situación actual, na que as obras executadas non permiten solucionar o problema da depuración de augas sucias á veciñanza: 180 veciños do barrio da Pena.
Conexión inmediata
As obras executadas, nas que se investiron 157.718 euros, incluíron unha baixa de 20.188 € a cargo da empresa contratista, de tal forma que o investimento final foi de 137.530 euros.
Por esta razón, o noso grupo esixe que eses 20.188 € sexan investidos á maior brevidade na dotación da conexión eléctrica da depuradora “para que poida entrar en servizo canto antes”.
Os edís municipalistas defenden que, “á maior brevidade posible sería necesario construír o colector que permita conectarse a esta depuradora aos veciños e veciñas do barrio do Cruceiro”, algo que neste momento non está previsto.