Mondariz/AporM | Xoán C. Montes Bugarín -Calis-, portavoz de AporM, vén de ser proclamado pola asemblea de Alternativa por Mondariz como alcaldable de cara ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio.
O candidato desta forza municipalista e galeguista intentará recuperar a alcaldía de Mondariz despois de ter sido o candidato á alcaldía máis votado hai agora catro anos, cando o PP votou como alcalde ao candidato do BNG.
Calis pretende recuperar os sinais de identidade do seu primeiro goberno, que puxo á veciñanza no centro da acción política, e terá como obxectivos prioritarios:
1.- Recuperar a participación veciñal, facilitando axudas e financiamento a todas as asociacións veciñais, deportivas e culturais por igual.
2.- Impulsar a igualdade real entre mulleres e homes, favorecendo a participación en política das primeiras, en particular das máis novas.
3.- Defensa do medio ambiente e da reciclaxe de residuos, impulsando o programa revitaliza que se implantou en Mondariz sendo alcalde.
4.- Priorizar a peonalización da vila, regulando o estacionamento e creando rúas amables e seguras para todas as persoas, en particular para as persoas maiores e os nenos e nenas.
5.- Dotar a todas as parroquias dos servizos básicos, en particular do saneamento, así coma dun parque empresarial á beira da estrada que une a vila de Mondariz con Vilasobroso.
6.- Recuperar o servizo de orientación laboral e mellorar a formación de todos os profesionais, en particular dos e das comerciantes e das que buscan a súa inserción no mercado laboral.
7.- Recuperar a colaboración con Mondariz Balneario en mutuo beneficio: saneamento de augas residuais, policía local compartida, maquinaria municipal de uso conxunto, etc.
Preparado e motivado Calis agradeceu a confianza que os e as militantes de AporM depositan nel e declarou estar “preparado e motivado”, xa que unha parte moi importante da veciñanza de Mondariz de todos os partidos políticos o animou a presentarse de novo “para recuperar a ilusión e reconstruír un concello aberto, dinámico e vivo”. O candidato comprometeuse a traballar a reo para que Mondariz volva ser un referente de boas prácticas na xestión municipal no ámbito da comarca do Condado.