Mondariz | A Modificación puntual núm. 2 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia xa está en marcha. Esta iniciativa da Xunta de Galicia e do Concello de Mondariz descarta o parque empresarial que o goberno galego programou no seu día na Chan de Cairón (Gargamala).
No seu lugar preténdese crear un novo parque empresarial no Parque Forestal da Lagoa, na parroquia de Mondariz, un espazo de elevado valor ambiental, forestal e deportivo que acolle dous campos de fútbol e unha escola de hípica. O período de información pública da Avaliación Ambiental Estratéxica por parte da veciñanza remata o 25.08.2021 e pódese facer na páxina web da Consellería de Medio Ambiente.
En 2019 a Comunidade de Montes e o Concello de Mondariz decidiron crear no monte da Lagoa un Parque Forestal de 58 hectáreas que, segundo a Deputación de Pontevedra, tiña como obxectivo “desenvolver o potencial do monte para levar a cabo actividades de sendeirismo e paseos en bicicleta e acabalo, xa que existen elementos suficientes de atracción para crear un lugar de lecer.
Así mesmo, apostarase por darlles aos terreos un uso multifuncional con aproveitamento económico baseado na produción de madeira, de leña, cogomelos e froitos”. Na realización destes traballos investíronse 59.625€, dos que 47.700€ foron achegados pola Deputación de Pontevedra.
Ademais, dentro do parque forestal actual existen dous nacentes de auga que se utilizan para consumo humano, unha circunstancia de especial relevancia en Mondariz durante o verán, que ten problemas de abastecemento de auga potable.
Alternativas á Lagoa
Por todo isto, o noso grupo Alternativa por Mondariz apoia a creación dun parque empresarial en Mondariz, pero non no Parque Forestal da Lagoa, senón noutro lugar ben comunicado e carente de valores ambientais, deportivos e sociais.
Ao noso xuízo, este parque empresarial debería situarse nas inmediacións da N-120, preferentemente nas parroquias de Meirol (no monte comunal) ou Vilasobroso (no ámbito do antigo serradoiro), ou ben en Faxilde, á beira da PO-262 Mondariz-Vilasobroso.
Mondariz, a 28 de xullo de 2021
Asdo: Xoán C. Montes Bugarín