Aldea Global | “Hai vinte e sete anos iniciamos a construción dunha ponte de comunicación entre os centros educativos dos dous lados da fronteira de Galicia en España e Portugal. Coas nosas actividades démoslle voz á mocidade de todos os niveis educativos, desde a educación infantil até a universidade, utilizando o Patrimonio Cultural Inmaterial como unha ferramenta de educación patrimonial, de entendemento e diálogo intercultural”, subliñou Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural e Sociopedagóxica Ponte…nas Ondas! Na súa intervención este xoves 1 de decembro no 17 Comité Intergubernamental da UNESCO en Rabat.
Foi despois de que o Comité confirmará a beizón a PNO! para a súa inscrición no Rexistro de Boas Prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Os expertos da UNESCO destacan a metodoloxía participativa da iniciativa e subliñan que “como experiencia transfronteiriza, o modelo PNO! pode reproducirse para reforzar o diálogo entre xeracións e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través das fronteiras”.
Interveu a continuación a profesora Esmeralda Carvalho, representante de PNO! en Portugal, quen destacou que “a nosa ponte nas ondas gaña hoxe unha nova dimensión, e foi posible grazas ao esforzo xeneroso de todas as comunidades educativas que decidiron preservar e transmitir este patrimonio común e transmitirllo ás novas xeracións” “Convidámosmos a poñervos nas nosas ondas!”, salientou Carvalho.
Asistiron tamén á proclamación de PNO! Na UNESCO o embaixador de España na institución, José Manuel Rodríguez Uribes, a embaixadora de Portugal na UNESCO, Rosa Batoréu, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, e a directora xeral do Patrimonio Cultural da Xunta, Carmen Martínez Insua.
Román Rodríguez lembrou que só catro candidaturas a nivel internacional foron consideradas pola Unesco nesta reunión, salientando que unha delas sexa galega e amosouse “orgulloso” porque un programa cultural nacido nas aulas galegas poida ser considerado pola Unesco “un exemplo para o mundo”.
Un modelo para o mundo
“Esta ponte nas ondas da radio integrou a voz das persoas e comunidades portadoras de ambas beiras da fronteira luso-galega”, afirmou Santiago Veloso na súa intervención na UNESCO, “esa voz que desde a formación da lingua común galego-portuguesa recolleron os trobadores medievais nas cantigas de amor e de amigo con expresións e manifestacións comúns nos países da lusofonía”.
“Ponte…nas Ondas rescatou, investigou e educou neste patrimonio común as aulas das dúas beiras da raia e moitos centros integrárono nos seus plans educativos”, recordou.
“Ponte…nas Ondas rescatou, investigou e educou neste patrimonio común as aulas das dúas beiras da raia”
O coordinador da asociación agradeceulle ao órgano avaliador o recoñecemento a todo este traballo. “Poñémonos ao servizo do Comité para divulgar este modelo e pedímoslle aos Estados de Portugal e España introducilo nos seus respectivos sistemas educativos”, concluíu.
Vinte e sete anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, leva case tres décadas traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial, Xornadas Multimedia ou Días Mundiais da Radio, entre outros eventos e actividades organizados pola Asociación.
A candidatura de Ponte…nas Ondas! como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO foi presentada por parte de Portugal e España en marzo de 2021, e converteuse na primeira inscrición para Portugal e Galicia.