Somos Ribadumia | No último pleno ordinario debatéronse dúas mocións presentadas por Somos Ribadumia e defendidas polo noso voceiro Enrique Oubiña. A primeira destas mocións buscaba un acordo para que o Concello, entre outras cousas, instara ás entidades bancarias que operan en Ribadumia a mellorar a atención ao público, con especial énfase na atención ás persoas maiores ou en situación de vulnerabilidade, unha atención que nos últimos anos, cos recortes nos tempos de atención e nas xestións en ventanilla, empeorou dunha maneira para nos inaceptable.
Para Oubiña “ logo de todo o que esta acontecendo coa banca nos últimos anos, como o cobro de comisións abusivas e sen avisar que vivimos no 2020 ou o peche da Oficina de Ponte Arnelas que daba servizo a unha parte da nosa veciñanza sen que o goberno local tomara ningún tipo de medida, alegrounos ver que o goberno local apoiou a nosa iniciativa, que vai en beneficio de toda a nosa veciñanza, en particular da xente maior ou con problemas para desenvolverse coas xestións electrónicas ou para entender determinados produtos bancarios”.
Dende Somos Ribadumia agradecemos o apoio do resto de forzas políticas, que permitiron aprobar a moción sen debate. Pola nosa banda xa temos asumido que o goberno non vai tomar iniciativas deste tipo a título persoal, pois o seu modelo de xestión baséase en facer o mínimo posible, pero cando menos agradecemos que unha vez que tomamos nós a iniciativa, neste caso, que ao, goberno en realidade non lle implica nada, deán o seu voto favorable.
Por desgracia, non podemos dicir o mesmo da segunda moción debatida nese pleno. Esta, que pretendía a dotación dun plan de trampeo de velutina, que con criterios científicos establecera as pautas para realizar campañas de trampeo nas zonas verdes de responsabilidade municipal, favorecendo así a efectividade das accións que nos últimos anos acometen colectivos locais.
Neste caso o Concello si tiña que asumir responsabilidades e facer un traballo, “e David Castro en canto escoita falar de responsabilizarse dalgo que non sexan ancheamentos de pistas ou torneos deportivos, péchase en banda”.
Hai que dicir que os Independientes presentaron unha proposta alternativa á nosa moción, que eliminaba toda responsabilidade municipal na loita contra a velutina. Pola nosa banda entendíamos que o goberno debe responsabilizarse das actuacións que se levan a cabo nos espazos municipais, e polo tanto é imprescindible un mínimo de regulación, cando menos para establecer pautas de cara a campañas realizadas por outros colectivos, é evitar que se repita a situación actual, coas nosas sendas fluviais cheas de botellas de plástico colgadas sen uso nin servizo e que van rematar con toda seguridade no río, e por iso, aceptando a maior parte das súas propostas, presentamos finalmente ao pleno unha alternativa moito máis sinxela, pola cal o concello só tiña que elaborar un manual de trampeo, establecendo as zonas óptimas, as datas, e as responsabilidades en cada caso, tanto de colocar as trampas, como de atendelas e retiralas aí final do período de trampeo.
A última proposta, foi aceptada e mesmo defendida polo PP e o PSOE, pero os Independientes negáronse a aceptar esa proposta e a moción non puido saír adiante.
Para Oubiña “o acordo final, onde cedemos na maior parte do proposto inicialmente, era totalmente asumible, pero o problema non era ese, era que os Independientes non querían que no mesmo pleno se aprobaran dúas mocións nosas, e menos por unanimidade. É moi lamentable que a persoa ou partido que presenta unha moción teña máis peso para o goberno local que o contido da propia moción. Pero este é o goberno que temos: ademais de bastante vago, resulta ser un goberno irresponsable e rencoroso”.
A Somos Ribadumia danos moita tristura que un goberno local actue desta maneira tan pouco seria. E advertímoslle que se pensan que con esas actitudes prexudican á nosa formación, están moi errados. Á única prexudicada é a veciñanza de Ribadumia, e neste caso a veciñanza, a loita contra a velutina que é responsabilidade de todos, é a imaxe do propio concello, que de cara as visitas foránea, con esas botellas cheas de Lama colgadas ao longo da nosa contorna máis visitada, resulta bastante lamentable.
Propietario da imaxe: Páxinas Galegas.