Tui | Esta mañá no Salón de Plenos da Casa Consistorial de Tui tivo lugar o pleno extraordinario da corporación municipal no que se trataron tres puntos na orde do día: o Plan de Acción Local da Axenda Urbana, a aprobación do Expediente de Modificación de Créditos 37/2022 para a ampliación e reforma do centro municipal de piragüismo Quique Míguez e a designación de festivos locais para o ano 2023.
O primeiro punto do Plan de Acción Local da Axenda Urbana de Tui centrou a práctica totalidade do debate. Enrique Cabaleiro, alcalde da cidade, abriu a quenda de palabra para salientar que esta aprobación é un requisito indispensable para a posterior aprobación do Plan Piloto da Axenda Urbana. Asemade, destacou que o proceso de elaboración foi transparente e participativo, sendo extensible a toda a veciñanza e axentes políticos, económicos e sociais.
Dende a oposición, Laureano Alonso, voceiro de En Marea, destacou a importancia da aprobación deste documento como base para as futuras corporacións e como ferramenta chave para o desenvolvemento da cidade. No mesmo senso expresáronse os voceiros de Ciudadanos, Manuel González, e do Partido Popular, José Ángel Fernández. Ambos destacaron a importancia da colaboración entre todos os axentes que fixeron parte da redacción desta Axenda Urbana e do pulo que suporá para acceder a financiamento europeo de forma máis áxil.
Converxencia 21, en palabras do seu voceiro José Manuel Palacín, tamén calificou o documento de “importante e con grandes aspiracións” pero pediu afondar en cuestións como a axilidade e xestión dos fondos europeos amais de solicitar ao goberno local non caer “en modas ou decisións precipitadas” en temas como o ecoloxismo e as peonalizacións de rúas do centro histórico.
Por parte do Bloque Nacionalista Galego, Carmen Núñez valorou positivamente que esta Axenda Urbana supoña concretar a planificación que, segundo dixo, levan reclamando toda a lexislatura dende o seu partido. O BNG falou de concordancia co plan no tocante a temas sociais, medioambientais e de ordenación municipal pero finalmente acabou votando en contra desta medida por discrepancias no proxecto de reforma do aparcamento da Área Panorámica.
Con todo, o Plan de Acción Local da Axenda Urbana foi aprobado cos votos favorables do PSOE, PP, Ciudadanos, Converxencia 21 e En Marea, e cos únicos votos en contra dos dous edís do BNG. A aprobación deste plan, unha ferramenta estratéxica para definir o presente e futuro da cidade en todos os seus eidos, supón que Tui se converta en cidade pioneira en España na aprobación da súa Axenda Urbana.
O pleno extraordinario continuou coa lectura, debate e aprobación dos outros dous puntos na orde do día. Aprobouse de xeito favorable o Expediente de Modificación de Créditos 37/2022 no Suplemento de Crédito 6/2022 que permitirá acometer obras de reforma e ampliación do centro municipal de piragüismo Quique Míguez.
Isto foi posible cos votos a favor do PSOE e as abstencións do resto de partidos. Por último, a corporación municipal aprobou por unanimidade a designación de festivos de carácter local para o vindeiro ano 2023. Deste xeito, serán non laborables o martes 21 de febreiro, martes de Entroido, e o luns 17 de abril, San Telmo.