Xinzo de Limia | Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, anunciou a aprobación definitiva do proxecto de mellora da N-525 ao seu paso por Xinzo de Limia. Un proxecto que conta cun orzamento de 4.799.995,85 euros e no que ademais da renovación do firme e da travesía, tamén se realizarán actuacións para a construción de rutas peonís e ciclistas sustentables.
Trátase dun investimento do Goberno do Estado que permitirá a humanización da N-525 ao seu paso pola capital da Limia, concretamente entre os puntos quilométricos 197+060 ata o 200. O prazo de execución das obras queda establecido en 12 meses e estudarase, co visto e prace do Concello de Xinzo, que a franxa de arborado e vexetación ou axardinamento se sitúe entre o carril bici e a beirarrúa, prevendo tamén unha banda transitable entre o carril bici e a franxa de aparcamento o máis ampla posible.
O subdelegado do Goberno afirmou que o obxectivo deste proxecto “é humanizar, modernizar e ordenar os espazos públicos ao longo da N-525, para atender tanto as necesidades actuais como futuras da estrada”.
Neste senso, tamén apuntou que “queremos potenciar Xinzo, cunha nova área que sirva para desenvolver actividades de ocio de forma sostible e accesible para toda a veciñanza, fomentando o desprazamento peonil e a mobilidade ciclista, como parte do día a día, potenciando a súa vez a seguridade viaria”.
Santos puxo de manifesto que este tipo de investimentos “son a demostración de que o Goberno de España potencia novas infraestruturas na provincia que contribúen a favorecer unha mobilidade sostible de peóns e ciclistas, co obxectivo de reducir tanto as emisións á atmosfera como a contaminación acústica”. “Este proxecto permitirá unha transformación total de Xinzo, nunha das obras máis importantes para o municipio dos últimos anos”, afirmou o subdelegado do Goberno, antes de sinalar que “Xinzo de Limia terá, ao fin, uns accesos acordes coa dimensión e importancia desta vila”.
As obras que contempla o proxecto inclúen ademais da mellora da urbanización e o axardinamento da contorna da N-525, separando a zona de tráfico rodado das de uso peonil e estacionamento, a dotación de servizos nas marxes, ademais de aproveitar para soterrar a liña de alumeado público, mellorar as luminarias e semáforos e ampliar a anchura das beirarrúas.