Lugo | A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle a exposición “Aquela nena de Sarria”, en homenaxe a Xela Arias no ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Está elaborada polo Colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Na inauguración participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o presidente de Egeria, Xulio Xiz Ramil, entre outros.
A mostra está composta por tres prismas con paneis que reflicten aspectos da vida da autora xunto con poemas e textos que lle dedican dende destacados escritores galegos ata alumnos e alumnas dos institutos sarriáns Xograr Afonso Gómez de Sarria e Gregorio Fernández. Tamén inclúe fotografías facilitadas pola familia de Xela e debuxos da pintora lucense Sabela Arias.