Arbo | O Pleno da Corporación de Arbo, acaba de aprobar por unanimidade o Convenio de Colaboración entre o Concello de Arbo, Crecente e As Neves, para a creación da Agrupación do servizo de emerxencias e protección civil.
As Agrupacións de Protección Civil, son grupos de persoas adestradas e organizadas para responder de maneira eficiente e eficaz a situacións de emerxencia. Estas situacións poden incluír incendios, desastres naturais, accidentes e calquera outro evento que poida poñer en risco a seguridade e a saúde das persoas, así como o medio ambiente.
Os membros destas agrupacións reciben capacitación continua en primeiros auxilios, manexo de incendios, evacuacións e outras habilidades esenciais para a xestión de emerxencias.
Un dos obxectivos principais de protección civil é salvagardar á poboación, aos seus bens e á súa contorna ante desastres de orixe natural ou humanos, a través da implementación dunha política estratéxica de prevención e xestión eficaz das emerxencias derivadas dos devanditos desastres, polo que para un Concello é moi importante contar con este grupo de voluntarios – informa o alcalde de Arbo, Horacio Gil.
O obxecto do Convenio, aprobado polo plenario de Arbo, é fixar as principais liñas de colaboración así como a coordinación, dirección, xestión, financiamento, organización e funcionamento do Servizo de Emerxencias e Protección Civil, a prestar de forma compartida entre os Concellos de Arbo, Crecente e As Neves.
Segundo o convenio, o ámbito territorial da xestión do servizo son os Concellos de Arbo, Crecente e As Neves, estando ubicado o centro de operacións da Agrupación de Protección Civil Ribeira do Miño no Concello de Arbo, lugar onde terá a base e os medios e efectivos da agrupación.
O rexedor arbense e promotor da agrupación de Protección Civil. Horacio Gil, manifesta que a “Agrupación de Voluntarios de Protección Civil “Ribeira do Miño”, foi bautizada por consenso dos alcaldes dos tres municipios, centrarase, de forma permanente e regularizada, no campo preventivo e operativo da xestión de emerxencias, catástrofes e/o calamidades públicas e en tarefas de apoio e/o complementarias aos servizos de emerxencia.
O primeiro paso para a súa constitución e a firma do Convenio aprobado. Unha vez asinada polos tres concellos, ambas administracións empezarán a captar voluntarios e a formalos para dar un servizo tan importante e demandado.