Arbo | O Concello de Arbo intensifica estes días a desinfección das rúas, zonas de paso dos veciños e veciñas, parques, xardíns…. coa finalidade de minimizar o risco de infección por coronavirus. Estas tarefas realizadas coa colaboración de tres adegas de Arbo -As Laxas, Marqués de Vizhoja e Pazo Pondal- lévanse a cabo seguindo os protocolos establecidos, supervisados e coordinados polo alcalde, Horacio Gil
O persoal municipal está levando a cabo a desinfección dos contedores de lixo de todo o concello, locais municipais, praza do mercado e facendo un seguimento a todos os colectivos máis vulnerables de Arbo, entre outras medidas adoptadas.
As Laxas, Marqués de Vizhoja e Pazo Pondal, seguen colaborando co Concello de Arbo na aplicación de produtos desinfectantes nas rúas, marquesiñas e lugares onde existe máis concentración de persoas e que se fixo extensible aos núcleos de poboación de todas ás parroquias. O venres Marqués de Vizhoja desinfectaba os núcleos da parroquia de Cequeliños, Mourentán e o barrio de San Xoan, o sábado e domingo Pazo Pondal actuaba nas parroquias de Cabeiras e Barcela e o luns As Laxas, continuaba coa desinfección da parroquia de Sela.
Agradecemento do alcalde aos voluntarios, adegas, persoal municipal, supermercados, tendas e a todos os arbenses
Horacio Gil, agradeceu a través dun comunicado a todos os que durante estes difíciles momentos ofreceron e ofrecen a súa axuda; aos voluntarios, ás adegas, que puxeron a disposición do Concello os seus traballadores e a maquinaria precisa para poder desinfectar e limpar as rúas, as prazas, os parques…chegando ao máximo de núcleos de poboación, un traballo complicado, tendo en conta que Arbo é un concello rural con máis de 370 quilómetros de rede viaria e núcleos moi dispersos; ao persoal dos supermercados e tendas de alimentación, das farmacias, dos quioscos, aos panadeiros, aos carniceiros, aos transportistas, aos taxistas, ao persoal das oficinas bancarias, aos agricultores e aos adegueiros, a toda a corporación municipal, ao persoal municipal dos diferentes servizos, aos servizos sociais e do SAD que están a desenvolver as tarefas necesarias para que os colectivos máis vulnerables e as persoas maiores do noso concello dispoñan das mellores condicións e non saían das súas vivendas, facendo que para eles este confinamento sexa o máis tranquilo e o máis levadeiro posible e a todos aqueles traballadores e traballadoras de todos os sectores que conseguen co seu esforzo, responsabilidade e espírito de sacrificio, que esta crise sanitaria sexa máis soportable para todos.
Horacio Gil, remata agradecendo especialmente ás adegas As Laxas, Pazo Pondal e Marqués de Vizhoja a súa disposición e colaboración, así como tamén a todos e todas os voluntarios e voluntarias que participan nas labores de desinfección.