Arbo | A continuación se reproduce o expediente polo que o Concello de Arbo procede á contratación para executar obras de mellora nos accesos ao núcleo de Vilanova (Barcela)
Expediente Gestiona: 242/2023
Procedemento: Contratación execucións das obras do “MELLORA DOS ACCESOS AO NÚCLEO DE VILANOVA (BARCELA), CONCELLO DE ARBO” , incluídas no Plan de Mellora de Camiños Rurais de AGADER 2023-2024.
Orzamento de execución das obras: 55.292,16 € (IVE do 21% incluído que ascende a 9.596,16 €.)
Memoria da Alcaldía: Tendo en conta que consta Resolución de data 20.06.2023 da Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, rectificada por erro na de data 22.06.2023, e modificada na de data 17.07.2023, pola que se concede a este Concello unha subvención de 45.696,00 € para a actuación denominada “MELLORA DOS ACCESOS AO NÚCLEO DE VILANOVA (BARCELA)”, cun orzamento de execución das obras de 55.292,16 € (IVE do 21% incluído que ascende a 9.596,16 €), ao abeiro da Resolución do 28 de febreiro de 2023 pola que se aproba o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 44 do 3 de marzo de 2023). Dita subvención ou axuda distribúese do seguinte xeito: 15.861,08 € para a anualidade 2023 e 29.834,92 € para a anualidade 2024.
Tendo en conta que consta no expediente proxecto técnico redactado en marzo de 2023, na versión asinada dixitalmente o 28.03.2023, por Francisco Javier Carballo Núñez, Enxeñeiro de Camiños, Canles e Portos, que serviu de base para a petición da subvención, e no que se fixa como orzamento da referida actuación o importe de 55.292,16 € (IVE do 21% incluído que ascende a 9.596,16 €)
Visto o informe do arquitecto municipal de 29.03.2023 no que se informa sobre a adecuación do proxecto da actuación á normativa urbanística vixente, así como sobre a titularidade e dispoñibilidade dos terreos para a execución das obras, en concreto, infórmase que non varían as condicións actuais, as obras cumpren coa normativa urbanística descrita no PXOM, non requiren de autorizacións sectoriais, e non se contempla no proxecto a ocupación de terreos de titularidade privada, toda a obra farase en terreo de titularidade municipal
Ante a necesidade de contratar a execución das obras do “MELLORA DOS ACCESOS AO NÚCLEO DE VILANOVA (BARCELA)”, ao abeiro da Resolución do 28 de febreiro de 2023 pola que se aproba o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 44 do 3 de marzo de 2023)
En cumprimento do acordo adoptado por resolución da alcaldía nº 390/2023 de data 22.07.2023 de iniciación do procedemento de contratación das obras, tras avogar a competencia delegada na Xunta de Goberno Local por Resolución de 21 de xuño de 2023, elabórase a presente MEMORIA XUSTIFICATIVA:
Obxecto do contrato:
As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da drenaxe, recollida de augas pluviais e pavimentación dos camiños municipais de acceso ao lugar de Vilanova, situado na parroquia de Barcela, no termo municipal de Arbo (Pontevedra).
Os camiños, de titularidade municipal, e os cales dividiremos en dous tramos diferenciados (aínda que existe continuidade espacial entre ambos), atópanse actualmente pavimentados con mestura bituminosa en quente, presentando a capa de rodadura unha importante deterioración superficial, polo que urxe a súa reparación mediante a reposición completa da mesma.
A lonxitude total dos camiños para tratar ascende a 440,00 metros e o ancho da plataforma é moi variable ao longo do percorrido, oscilando entre os 3,75 e os 6,10 metros de anchura, principalmente. Esta anchura é moi escasa en certos puntos, polo que se expón a realización de diversas tiras de ensanche ao longo do percorrido do tramo 1 do vial. Nun dos puntos do trazado será necesario tamén proceder ao recuamento dun muro de cachotería existente para permitir o ensanche da plataforma, así como noutro punto precisarase da construción dun muro do mesmo material e de nova planta.
En canto á rede de drenaxe e de recollida de augas pluviais, esta presenta deficiencias que deben ser corrixidas coa construción de cunetas, canalizacións enterradas e sumidoiros, tanto puntuais como lonxitudinais.
Cos ensanches, muros, drenaxes e novas pavimentacións descritas preténdese mellorar o servizo ofrecido por estas infraestruturas aos seus usuarios, pois se trata de camiños cun relativamente elevado nivel de uso polo seu carácter de acceso a núcleo poboacional.
Inclúense as seguintes actuacións:
O presente proxecto desenvolve a mellora da drenaxe, recollida de augas pluviais e pavimentación dos camiños municipais de acceso ao lugar de Vilanova, situado na parroquia de Barcela, no termo municipal de Arbo (Pontevedra).
As obras consistirán inicialmente nunha limpeza de marxes e apertura de cunetas existentes ao longo dos 440,00 metros de lonxitude que abarca a actuación.
Para mellorar a rede de drenaxe e recollida de augas pluviais prevese a execución de dous tramos de cuneta triangular revestida de formigón tipo V-20, de 1,00 m de ancho, 20 cm de profundidade, noiros 1/1 e 10 cm espesor de formigón HM-20 N/mm2, resultando un total de 78,00 metros de actuación. Será preciso realizar dous pasos salvacunetas, que se solucionan coa colocación en gabia de tubaxe de PVC SN-4 de 315 mm de diámetro.
Tamén se mellorará a recollida das augas pluviais na zona central do núcleo poboacional coa instalación de canalizacións enterradas con tubaxe de PVC SN-4 de 200 e 250 mm de diámetro, segundo tramos indicados nos planos. Estas conducións irán acompañadas das correspondentes arquetas de rexistro de 60x60x60 cm e sumidoiros de 34x51x60 cm con reixa de fundición dúctil de 60×40 cm. Para a instalación destas canalizacións será necesario proceder inicialmente á demolición do firme existente, para seguidamente levar a cabo a escavación en gabia con medios mecánicos. No fondo da gabia colocarase a tubaxe sobre cama de material granular. Finalmente encherase a gabia con material procedente da propia escavación e compactarase adecuadamente.
Deberase renovar tamén unha canlón sumidoiro lonxitudinal que cruza transversalmente o vial no tramo 1. Repoñerase mediante formación de sumidoiro lonxitudinal con paredes de fábrica de ladrillo cerámico macizo de 1/2 pé de espesor, asentado con morteiro de cemento, e con reixa e marco de armazón de aceiro galvanizado de 300 mm de ancho interior e 500 mm de alto, clase B-125.
Para permitir o ensanche da plataforma nun par de zonas do tramo 1 deberanse executar dous muros de cachotería granítica. O primeiro deles irá localizado na marxe dereita do vial e construirase con cachotería de pedra granítica con acabado rústico na cara vista, sendo a pedra cortada en bloque de peso superior ao 750 kg/vde, apoiando cada bloque pola súa cara inferior noutros dous, polo menos, e cada dúas sogas haberá un tizón de profundidade mínima vez e media a dafiada. Terá unha lonxitude total de 39,00 metros e altura comprendida entre 0,50 e 1,00 metro. O segundo deles irá emprazado na marxe esquerda, tratándose dun muro existente que deberá ser retranqueado, reconstruíndose co mesmo sistema construtivo que os muros de nova planta. Neste caso, o muro contará cunha lonxitude total de 24,00 metros e unha altura comprendida entre 1,00 e 2,00 metros.
Nalgunhas zonas do tramo 1 existen unha serie de seccións do vial que contan cunha anchura de plataforma moi xusta para o tráfico que soportan, polo que se realizarán ensanches localizados. Para iso, procederase a realizar a apertura de caixa para albergar o paquete de firme das tiras de ensanche nunha superficie total de 312,80 m2, con anchuras comprendidas entre 0,50 e 1,00 m. Na superficie gañada de vial estenderase e compactará unha base de saburra artificial de 20 cm de espesor, resultando nun total de 62,56 m3 de material procedente de canteira.
Tras a execución destes labores de ensanche previo do vial, procederase á extensión e compactación dunha capa de 5 cm de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 Surf 50/70 D na totalidade da superficie do camiño, afectando esta partida a unha superficie total de 1.916,45 m2.
Finalmente procederase ao recrecido de tapas de rexistro existentes ao longo do camiño e que se viron afectadas pola obra de pavimentación, que neste caso representan un total de 17 unidades, mediante a execución dun dado de formigón HA-25 armado con fibras de aceiro con dosaxe 30 kg/m3 e espesor mínimo de 25 cm, deixando transcorrer o tempo de fraguado necesario mediante a protección do dado con ferros de aceiro ancoradas ao pavimento durante o período necesario de polo menos cinco días. E tamén se colocarán dous tramos de varanda a modo de balizamento de seguridade, nunha lonxitude de 31,00 metros. Establécese un prazo de execución das obras de 1 MES
Orzamento base de licitación das obras e Valor Estimado
O orzamento base de licitación das obras ascende á cantidade de 55.292,16 € (IVE do 21% incluído que ascende a 9.596,16€)
O valor estimado do mesmo ascende á 45.696,00 € (IVE do 21 % excluído), sendo o importe correspondente ao IVE do 21 % de 9.596,16 €.
Viabilidade:
O Concello conta coa concesión de subvención por Resolución de data 20.06.2023 da Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, rectificada por erro na de data 22.06.2023, e modificada na de data 17.07.2023, pola que se concede a este Concello unha subvención de 45.696,00 € para a actuación denominada “MELLORA DOS ACCESOS AO NÚCLEO DE VILANOVA (BARCELA)”, cun orzamento de execución das obras de 55.292,16 € (IVE do 21% incluído que ascende a 9.596,16 €), ao abeiro da Resolución do 28 de febreiro de 2023 pola que se aproba o Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (DOG nº 44 do 3 de marzo de 2023).
Dita subvención ou axuda distribúese do seguinte xeito: 15.861,08 € para a anualidade 2023 e 29.834,92 € para a anualidade 2024.
Conclusións:
As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora da drenaxe, recollida de augas pluviais e pavimentación dos camiños municipais de acceso ao lugar de Vilanova, situado na parroquia de Barcela, no termo municipal de Arbo (Pontevedra).
Coas actuacións previstas preténdese realizar as obras incluídas no “MELLORA DOS ACCESOS AO NÚCLEO DE VILANOVA (BARCELA)”, e preténdese mellorar o servizo ofrecido por estas infraestruturas aos seus usuarios, pois se trata de camiños cun relativamente elevado nivel de uso polo seu carácter de acceso a núcleo poboacional.
O alcalde. Horacio Gil Expósito. Documento asinado dixitalmente á marxe.