Arbo | O Concello de Arbo continúa no seu afán de optimizar a súa rede municipal de estradas, mellorando así, a seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns. Para conseguir este obxectivo está a reparar as estradas e pistas asfaltadas, eliminando obstáculos e imperfeccións.
Dada a ampla superficie do concello, e o gran número de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicada, sendo necesarios proxectos de pavimentación que rexeneren completamente a rodadura nas devanditas estradas.
As obras incluídas neste proxecto consisten na mellora do acceso e a pavimentación de dous camiños municipais, un no lugar de Teimende e outro no lugar de Cea, na parroquia de Arbo. As obras serán contratadas e executadas pola Consellería do Medio Rural e o prazo de execución ascende a 1 mes.
Os camiños son de titularidade municipal, e atópanse pavimentados con aglomerado, pero hai tramos que están nun avanzado estado de deterioración, polo que se expón unha renovación completa da capa de rodadura. No camiño de Teimende, será necesario renovar totalmente esas zonas. Para a pavimentación definitiva estenderase e compactará unha capa de rodadura de mestura bituminosa en quente tipo AC 16Surf 50/70 D. Unha vez pavimentados os camiños, poñeranse a cota de nova rasante as tapas de rexistro existentes.