Arbo | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou co alcalde de Arbo, Horacio Gil, un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con preto de 370.00 euros, o 90 % do orzamento, os traballos para a mellora da mobilidade peonil na contorna da capela de San Xoán de Barcela.
O Concello, pola súa banda, achega o 10 % restante (40.000 euros). Un proxecto que transformará este núcleo nun novo exemplo de municipalismo ao servizo da mellora dos espazos urbanos de Arbo.
O proxecto está dividido en dúas fases. A primeira, que está valorada en máis de 400.000 euros, centrarase no ámbito central do núcleo de Barcela, unha superficie superior aos 2.100 metros cadrados. Para máis adiante quedará a actuación no viario de acceso a este núcleo.
Esta zona presenta unha serie de deficiencias a resolver como a excesiva presencia de vehículos no espazo público, un pavimento pouco axeitada para a mobilidade peonil, ausencia de vexetación e pouco respecto polos elementos patrimoniais. Para solucionar estes problemas, o proxecto contempla a mellora paisaxística e a creación de espazos seguros para os peóns.
Con estes obxectivos, a obra consistirá na unificación do espazo público da contorna da capela co da Praza Barcela mediante a implantación dunha plataforma única con pavimento de lousa de granito.
Ao mesmo tempo, eliminaranse zonas de aparcamento e limitarase a velocidade de circulación dos coches á 10 quilómetros por hora para dar prioridade ás persoas. Renovarase tamén a iluminación e instalaranse novos elementos de mobiliario urbano, así como a plantación de novas especies vexetais.
Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Arbo realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.
Un acordo subscrito entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Arbo que supón un novo paso adiante na colaboración institucional entre o goberno provincial e as administracións locais para a modernización e transformación dos espazos públicos.