Vigo | A porcentaxe de mulleres nas escalas retributivas máis baixas das empresas é maior que a porcentaxe global de mulleres nesas compañías, é dicir, están sobrerrepresentadas, o que xera unha perda económica; ademais, a porcentaxe de mulleres diminúe a medida que os tramos salariais son superiores.
Esta é unha das conclusións do Informe Ardán, que analiza a igualdade de xénero na empresa galega en 2022 a partir dunha mostra de 375 empresas, que participaron nunha enquisa cunha metodoloxía deseñada pola Cátedra Ardán, de Zona Franca e a Universidade de Vigo.
O delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades, participou nunha concentración con persoal do Consorcio ante a sede con motivo do 8M e sinalou que “a incorporación plena do talento feminino ten unha repercusión económica para as empresas e tamén para a súa reputación.
A repercusión estimada no PIB per cápita podería chegar ata crecementos de 2 díxitos”. Zona Franca volverá iluminar de morado todos os seus edificios esta noite. Ardán vai máis aló e estima que a sobrerrepresentación de mulleres nas posicións salariais máis baixas ten un custo de non igualdade de media por empresa de -17.046 euros brutos anuais, o custo de non igualdade media por muller é de -640,34 euros.
Ardán constata que “un sector masculinizado é intensivo en persoal masculino en todos os niveis retributivos da empresa. A idea de sector feminizado ha de ser matizada: é un sector intensivo en persoal feminino, sobre todo nos niveis retributivos máis baixos”. Tamén ofrece o informe algún dato que convida o optimismo e sinala que “o Índice IG media está a avanzar cara ao nivel aceptable en igualdade de xénero no traballo.
No ano 2022 escalou 14 puntos, rexistrando lixeiros crecementos nas súas tres dimensións: 10 puntos máis no Índice de Igualdade en Funcións; 23 puntos máis no Índice de Igualdade en Retribucións e 4 puntos máis no Índice de Igualdade en Actuacións.
Son crecementos leves, pero representan un percorrido certo nunha realidade empresarial tremendamente incerta”. Outra boa noticia é o maior número de empresas galegas que alcanzan o distintivo de Empresa Igual en xénero.
O perfil predominante destas 35 empresas é de máis de 50 persoas empregadas, con sede social na provincia de Pontevedra e do sector de Información e coñecemento. O seu principal cargo directivo é un home, entre 36 e 50 anos, que se rodea dun equipo directivo integrado por homes e mulleres, un equipo diverso en xénero.