Gondomar | Arredor de 500 persoas participaron esta mañá nunha Sentada Lectora convocada por Espazo Lectura na Alameda de Gondomar. O acto, que comezou coa actuación do grupo Migallas, consistiu nunha reivindicación cidadá da lectura con aire festivo e cívico, e finalmente mantívose o ceo despexado a pesar da chuvia inicial.
Logo de 10 minutos de lectura silenciosa na praza, a xornalista e escritora Araceli Gonda e a actriz e escritora Paula Carballeira leron un Manifesto que facía fincapé en que hoxe, nunha conxuntura de crise, “a lectura é educación, é formación, é traballo, é investigación, é colaboración, é socialización, é solidariedade, é porvir. A lectura é un motor social para prosperar” e reclamaba o papel da lectura «como esperanza, como futuro», imprescindible para crear unha sociedade avanzada e próspera.
Baixo o lema «Únete á rebelión da lectura», os asistentes ao acto ensinaron ao aire as súas «armas», que non era outras que os libros que cadaquén levaba consigo. A xornada chegou ao seu fin coa lectura dos apoios de escritores, ilustradores, animadores, centros de ensino e editoriais que prestan o seu apoio a Espazo Lectura. O acto, emotivo, rematou coa actuación do coro Cantares do Brión, de Vincios.