Sober | O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou na apertura do evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, unha cita que se celebra por cuarto ano consecutivo no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober).
Gabriel Alén destacou a aposta do Goberno galego por este tipo de eventos de pequeno formato para impulsar a comercialización do produto artesán galego, divulgar os oficios tradicionais e consolidar a marca Artesanía de Galicia. Ademais sinalou que feiras como esta demostran que o sector ten futuro e está en auxe, con máis de 800 obradoiros inscritos no rexistro xeral de artesanía, o que contribúe á creación de emprego e á dinamización do rural galego.
O director xeral tamén puxo en valor as achegas para impulsar o sector, como as axudas abertas actualmente por valor de 1,2 millóns de euros para potenciar a transformación sustentable e a economía circular dos sectores comercial e artesán. Na edición deste ano participan 18 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a marroquinería, a madeira, a olería tradicional, a calceta e o gancho, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, a elaboración de redes, o manipulado de papel e os complementos de moda.
Os talleres que participan como expositores –moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra– son os obradoiros de olería de Gundivós (Sober) Elías de Gundivós e Figulus; os da Coruña Arobe Cerámica e Mioco Diseños; os de Quiroga, Armaior e Enxógate; os obradoiros de Ourense, María Aba e Logaro; Artesanía en Coiro Tres Pés (Pontevedra), María Monsalve (Monterroso), Mimacuir (Taboada), Tres Caracoles (Lugo), Péndulo (Burela), Soledad Mato (Oroso), Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), Riomao Estudio (A Teixeira), Olería do Batán (Baños de Molgas) e Redeiras Artesás (Ponteceso).