O Porriño | Seis dos concellos máis afectados pola crise de “Maderas Iglesias” xa que teñen máis veciños entre os 148 traballadores, estiveron representados na xuntanza celebrada hoxe no Porriño co comité de persoal desa industria.
Á convocatoria realizada e presidida pola alcaldesa porriñesa, Eva García de la Torre acudiron as súas homólogas de Mos, Nidia Arévalo; Salceda de Caselas, Loli Castiñeira e Tomiño, Sandra Gónzalez. Tamén asistiron os tenentes de alcalde de Salvaterra do Miño, Ernesto Groba e de Ponteareas, Cristina Fernández.
De todos estes concellos, Salvaterra é o máis afectado con 34 veciños entre os traballadores de “Maderas Iglesias”. Porriño ten 25; Ponteareas, 23; Mos, 20; Salceda de Caselas, 10 e Tomiño, 2.
Os membros do comité de persoal e delegados sindicais expuxeron as súas críticas “ante a falla de compromiso por parte do empresario Juan Ramón Iglesias en presentar un proxecto viable que esixe o IGAPE”. E tamén amosaron a súa inquedanza porque “a Xunta de Galicia tarda en materializar o apoio que din que quere darnos”, manifestou Vicente Molares, presidente do comité laboral.
As representantes dos diversos concellos manifestaron o seu respaldo aos traballadores e deron conta das xestións que están a realizar. Nomeadamente Nidia Arévalo que informou que “fala a diario” co novo director do Instituto Galego de Apoio e Promoción Económica (IGAPE) e adiantou que agarda que “o vindeiro martes manteña unha reunión con vos”.
En paralelo, realizaranse outras xestións preto do empresario e dos acredores bancarios, segundo comprometeron as alcaldesas e representantes dos concellos presentes.
“Por nos non vai quedar facer todo o posible, e sabemos que a Xunta está tamén por botar unha man, para evitar a desaparición dos 148 postos de traballo que están en xogo”. “Temos que ter con eles unha sensibilidade especial e unha disposición absoluta para axudarlles”, rematou a alcaldesa do Porriño, Eva García.