As ambicións de Trump-Musk non son tan “raras”.

Terras raras”. Este parece ser un concepto clave nesta segunda presidencia de Donald Trump na que se van perfilando os seus verdadeiros intereses. Dende Groenlandia ata Ucraína, o excéntrico mandatario estadounidense que non para diariamente de gobernar a golpe de decretazos para desmantelar o status quo ten en mente unha ambición: controlar a explotación e o negocio destas superficies ricas en minerais estratéxicos para acicalar a ”nova orde mundial” que anuncia xunto ao seu gurú Elon Musk que xa actúa case como un “Gran Irmán” orwelliano.

Vexamos o mapamundi e a xeopolítica detrás das “terras raras”. EEUU, Brasil, Rusia, India, China e Australia lideran o ranking de países con reservas de “terras raras”. Groenlandia tamén ten reservas, tal e como verificou Musk. Pero a pesares das ameazas, invadilos non sería tan sinxelo. Por iso hai que buscar alternativas así haxa que provocar unha crise dentro da OTAN. Así, o caso de Groenlandia permite a provocación cun país, Dinamarca, que quizáis só sería noticia polo fútbol e que agora comeza a tomarse en serio unha hipotética invasión ao seu ex territorio ou “esfera de influencia”. Si, desta vez o que invadiría non sería Rusia senón EEUU. Unha invasión “dentro da OTAN” e non dun inimigo exterior.

Xa que falamos de Rusia vaiamos a Ucraína. En medio dun posible cumio Trump-Putin, o estadounidense xa advertiu ao mandatario ucraíno Volodymir Zelenksi que lle abra o mapa das “terras raras” en Ucraína como condición para seguir mantendo este tinglado de axudas en subvencións e dunha OTAN cada vez máis perplexa. Non vaia ser agora que o Kremlin, que ten reservas de abondo desas “terras raras”, sexa o que domine eses minerais nos territorios anexionados pola guerra.

Ucraína é considerado un dos principais provedores mundiais de materias primas críticas esenciais como son as “terras raras”, importantes para a industria da defensa, alta tecnoloxía, aeroespacial e enerxía verde, en particular coches eléctricos (Tesla de Musk, lles soa?) A disputa polo control destas “terras raras” provoca unha forte guerra entre EEUU e China polas cadeas de subministro.

Pero non son só as “terras raras”, que ten tanto mencionalas xa non nos parecen tan raras. Outras riquezas minerais entran tamén en xogo. Falemos específicamente do litio. Aquí hai moito en África e América Latina, espazos aparentemente de pouco interese para Trump salvo que os intereses da nova “tecno-oligarquía” que domina a Casa Branca termine por enfocalos como prioritarios.

“Pero non son só as ‘terras raras’, que ten tanto mencionalas xa non nos parecen tan raras. Outras riquezas minerais entran tamén en xogo”

Vexamos algún casos: República Centroafricana e Bolivia, por exemplo. No país andino irán a eleccións presidenciais en agosto. O asunto está complicado, con divisións políticas e crise económica que pode incentivar o malestar social. Caldo de cultivo mais que suficiente para que Washington interveña pero xa non vía USAID (ou quizáis cunha nova versión), esa plataforma de apoios aos aliados da Casa Branca e que Trump quere pechar para seguramente montar outra. En 2024, Bolivia, país rico en gas natural e estaño, viviu un enigmático intento de golpe de Estado contra un goberno esquerdista que ten como aliados a Venezuela, Cuba, Rusia (cooperación militar e enerxética), Irán (cooperación nuclear) e China (principal socio comercial). Non mais preguntas, señor xuíz….

E seguimos. Pasemos á política comercial. Aquí Trump está sendo intenso. Aranceis draconianos contra Canadá, México e China. O primeiro ministro canadense Justin Trudeau (que renunciou en xaneiro pasado) e a nova presidenta mexicana Claudia Sheinbaum reaccionaron rápido mantendo sendas conversas telefónicas con Trump como efecto disuasivo. Resultado? Aranceis ‘conxelados’ durante un mes. Pero o aviso de Trump é claro: non me gusta o NAFTA, o Tratado de Libre Comercio de América do Norte. E para iso hai que desmantelalo a punta de presión comercial. O “Great America Great Again” precisa controlar territorios apetecidos históricamente. Por iso as ameazas de anexionar Canadá e cambiar o mapa do Golfo de México por Golfo de América. Pura retórica matona para amedrentar.

Pero non é así con China, que non pica no chantaxe trumpista. Beijing xa preparou os seus propios aranceis contra EEUU nesta “guerra fría” comercial mentres potencia a súa propia IA e preparase para posibles escenarios de guerra.
E se falamos de guerras non sabemos se seguirá para Rusia na post-Ucraína ou de Israel en Gaza. Trump recibiu ao seu amigo eterno, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, asegurando que os palestinos “desearían marcharse de Gaza”. Previamente advertiu de expulsar palestinos a Xordania e Exipto. Cando foi a invasión israelí do norte de Gaza (outubro de 2023) empresarios inmobiliarios israelíes aseguraron que o terreo “limpo de palestinos” servirá para facer “o maior parque temático de atraccións en Oriente Medio”. Con Trump e Musk na Casa Branca, ‘luz verde’ polo visto.

Queda Ucraína, rica en “terras raras” e miserias políticas, para desgraza do pobo ucraíno que xa non quere mais guerras. Kiev sabe que non pode aguantar sen efectivos e coa previsible caída en desgraza de Zelenski por parte de Trump. Putin non se desespera; sabe que ten un ‘cabalo gañador’ tanto no terreo militar como na negociación. A tregua será probablemente baixo as condicións do Kremlin co beneplácito da Casa Branca. Un leste ucraíno xa completamente rusificado e coa promesa de que Ucraína non ingrese na OTAN. Pero tamén xorden informacións de presuntos problemas de recrutamento en Rusia. Escenario complexo pero con Trump todo é posible.

Pero queda unha interrogante a futuro: haberá guerra da OTAN contra Rusia? E en Taiwán contra China? Especulacións de todo tipo pero que van cobrando forma. Por certo, Trump xa ameazou a Taiwán con esas mesmas sancións co foco na industria dos chips. En fin…

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.

Deixa unha resposta

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.