Carballo | As bibliotecas municipais de Carballo volveron a abrir as súas portas ao público nunhas condicións de uso adaptadas á situación sanitaria e con horario de verán. Durante o mes de agosto poderás utilizar a Biblioteca Rego da Balsa de 10:30 a 13:30 horas de luns a venres e de 10:00 a 13:00 os sábados, e a do Museo, de 09:00 a 14:00 horas de luns a venres, pero sempre con reserva previa. Consulta no cartel axunto as normas de utilización durante a COVID-19.
Aínda que os edificios estiveron pechados ao público dende a declaración do estado de alarma, a actividade das bibliotecas non cesou. Se te achegas pola Rego da Balsa verás que todos os andeis están baleiros, xa que foi preciso retirar os materiais que estaban á vista e ao alcance das persoas usuarias. Podes seguir lendo o xornal, consultando libros ou vendo películas, pero temporalmente terás que pedirllos ao persoal.
Pero o traballo non só consistiu na reorganización completa do servizo ou na instalación dos elementos físicos necesarios para garantir a distancia de seguridade, senón que durante estes catro meses, e moi especialmente durante o confinamento, incrementouse notablemente a demanda dos servizos bibliotecarios, como demostran os máis de 1.600 préstamos e devolucións realizados ou as 58 altas de usuarios/as na plataforma de libro electrónico GaliciaLe, un servizo das bibliotecas públicas galegas que ofrece ás persoas usuarias a posibilidade de acceder a libros, revistas, audiolibros e películas en formato dixital e de balde.