O Porriño | A subdirección General Bibliotecaria do Ministerio de Cultura y Deporte, a través do Comité Científico do Congreso, seleccionou para presentar a actividade “Da inspiración ao Libro: xornadas de creación literaria”, levada a cabo pola Biblioteca Municipal do Porriño en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística para a presentación na sección de Buenas Prácticas para o XI Congreso Nacional de Bibliotecas Públicas, que terá lugar en Pamplona os próximos 18, 19 e 20 de outubro, co lema “Democracia, lectura e dereito á información”. O formato de presentación destas boas prácticas é o vídeo.
Durante o congreso haberá un espazo onde os seleccionados poderán, apoiándose no seu vídeo, responder ás preguntas das persoas asistentes.
Os vídeos seleccionados subiranse á canle de Youtube do Ministerio de Cultura e Deporte, e na listaxe de reprodución do Congreso.
Do proxecto presentado desde O Porriño recoñecen a súa significativa contribución á consolidación da democracia, a implicación da cidadanía e a participación do público en actividades, así como a súa capacidade para acoller grupos heteroxéneos e proporcionar acceso á información plural e fiable e a contidos culturais e diversos. Baseándose no tema do congreso deste ano: Democracia, lectura e dereito á información.
O Comité Científico do Congreso agradece o interese mostrado e a participación na convocatoria de comunicacións científicas del XI CNBP.
Aberta a matrícula para a Escola Municipal de Música
O Concello do Porriño informa que o período de matriculacións do alumnado para este curso 2023/2024 na Escola Municipal de Música dará comezo a primeira semana do mes de outubro.
Poderase formalizar a matrícula e reservar horarios na sede da Escola Municipal de Música, segundo a preinscrición realizada no mes de xuño. Ademais, o alumnado de novo ingreso que teña feita a preinscrición correspondente no mes de xullo poderá matricularse igualmente.
Cabe destacar que todo o alumnado con preinscrición feita en base ao anterior está admitido. As listaxes co nome, día e hora do alumnado preinscrito estarán proximamente dispoñibles.