Lugo | Lara Méndez presidenta o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral da entidade transfronteiriza, anunciaron a acción coordinada que desenvolverán as cidades de Galicia e Portugal do Eixo para acoller refuxiados ucraínos que foxen do seu país en guerra. Xa son 21 os municipios que se sumaron a esta resposta conxunta, aínda que se prevé que se sumen máis administracións locais.
Méndez, que lamentou que fallasen as vías diplomáticas e pacíficas para dar unha resposta dialogada ao conflito Rusia-Ucraína, sostivo que “debemos defender sempre con firmeza a paz, a seguridade, a democracia e a liberdade”.
Segundo avanzou, “a rapidez coa que se están sucedendo os acontecementos, que afectan principalmente a poboación civil, a intolerable acción de Rusia e o elevado número de persoas, máis de medio millón, que están intentado saír de Ucraína en menos dunha semana de conflito, fai necesario que as cidades europeas respondamos para evitar o colapso dos servizos nos países limítrofes que se están prestando a iso”.
Desde o Eixo Atlántico, segundo anunciou a súa presidenta, contactarase coas embaixadas de Ucraína, en Portugal e en Galicia, así como co Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, para trasladarlles a disposición das cidades con capacidade para acoller refuxiados.
Méndez indicou que os concellos actuarán cada un na medida das súas posibilidades, e que “será clave tamén a colaboración interadministrativa tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia para dar unha resposta integral ás necesidades dos refuxiados xa que a sanidade e o ensino non entra xa nas nosas competencias”. Así mesmo, destacou a necesidade de articular mecanismos de apoio coas entidades da sociedade civil.
Situación de Lugo
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, anunciou que Lugo activou xa desde á area de Benestar Social a planificación de acollida, que incluirá os pisos de emerxencia social que ten o Concello, deixando a porta aberta á posibilidade de alugar máis, así como o contacto directo e permanente para traballar man a man con colectivos sociais como Accem ou Cruz Vermella na integración social e laboral dos refuxiados.
Situación en Ourense
O Concello de Ourense colabora coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína para enviar artigos de primeira necesidade ao pais que está a sufrir unha guerra por mor da invasión de Rusia.
Froito desta colaboración establécense puntos de recollida nos Centros Cívicos do Concello de Ourense e tamén na Agrupación de Protección Civil, coa fin de recadar alimentos non perecedoiros, roupa (sobre todo térmica), medicinas, artigos de hixiene persoal, kits de costura, e elementos de supervivencia que poidan servir para axudar á poboación civil nestes duros momentos.
A Unión Deportiva Ourense, Ourense CF, Barbadás, Pavillón, Cidade das Burgas, Xuventude e Velle, entre outras, tamén colaborarán establecendo puntos de recollida nos días de partido. Tamén colaboran nesta iniciativa as Anpas de colexios concertados da cidade.