Ponteareas | As Comunidades de Montes de Ponteareas e Arcos remitiron un escrito á Consellaría do Medio Rural pedindo explicacións pola falta de medios e descoordinación no incendio que se iniciou a pasada semana en Bugarín e que ameazou o monte veciñal das dúas parroquias na Picaraña.
Segundo explican os comuneiros, no frente que avanzaba cara o monte da Picaraña se personaron sobre as 20 horas medio cento de persoas voluntarias de ambas as dúas comunidades, con batelumes e mochilas sulfatadoras de auga. Nese punto chegáronse a concentrar nos minutos seguintes catro camións motobomba sen que houbera efectivos da Xunta para manexar as súas mangueiras. Tras preto dunha hora nesa situación apareceu unha BRIF (Brigada de Reforzo de Incendios Forestais) composta duns 20 efectivos que se introduciron no monte e se dirixiron cara outro frente, mentres o da Picaraña permanecía desatendido. Finalmente, as persoas voluntarias internáronse no monte e encargáronse de frear o lume, extinguíndoo nun frente dus 300 metros, até alcanzar a zona na que o voluntariado de Bugarín facía o mesmo, sempre sen o apoio dos camións que permanecían nas pistas forestais pero que non contaban con persoal para o manexo das magueiras. Só unhas tres horas despois, sobre as 23 horas, e cando a maior parte do frente xa estaba controlado pola actuación do voluntariado, apareceron os bombeiros forestais da Xunta para rematar a extinción e refrescar a zona. Ademais, para estender as mangueiras polo monte até a zona do lume precisaron da colaboración do voluntariado pois os efectivos eran escasos.
No frente da Picaraña había 4 camións motobomba só con condutor e sen efectivos para manexar as mangueiras
Para as CMVMC resulta inconcebíbel concentrar catro camións motobomba nunha fronte do incendio sen efectivos para facer uso deses medios. Os comuneiros lembran que en 2017 o lume chegou até a Picaraña e foron tamén as persoas voluntarias co apoio dos bombeiros do Concello de Ponteareas os que atallaron o lume, ante a ausencia total de medios da Xunta.