O debate, necesario e sanísimo, que está a xerar o artigo de Manuel Veiga “A infantilización da literatura galega e o seu perigo de desaparición” publicado na revista dixital Biosbardia o pasado febreiro, é xa unha proba de que si hai público lector en galego, de que aínda non desaparecemos, de que andabamos a rillar as mesmas teimas desde hai tempo, de que periodicamente precisamos exorcizalas porque non queremos extinguirnos, de momento. Non se sabe cantos somos, se chegamos ou non, se damos feito un lectorado sostible (a ecoloxía igual é un dos movemento que máis termos axeitados nos pode achegar), mais a vontade non falta. Se a tese de fondo é que na literatura galega se percibe unha crecente superficialidade discursiva e temática (prefiro non empregar a palabra infantilismo) que pouco achega á idea de arte como descarga eléctrica, como convulsión intelectual, por poñermos exquisitas, totalmente de acordo. Mais vólvenme asaltar as preguntas de sempre. Isto non pasa noutras literaturas? Periga o seu público por este motivo? Non houbo desde hai séculos unha arte máis popular ao carón da que hoxe consideramos canónica? Non acontece noutras esferas culturais como o cinema, a música, mesmo a gastronomía? Hai probas de que “o público capacitado e favorábel a ler en galego desertou” como afirma Manuel Veiga? De ser así, é culpa só dos textos, ou peor, das autoras e autores? Realmente o mercado do ensino en galego é tan substancioso como para que condicione a escrita? Esa simplificación (non acabo de atopar un vocábulo que me preste) que se percibe en moitas narracións pensadas para adultos, non para un público infantil e xuvenil, ten a súa orixe na procura de ventas en institutos? A porcentaxe de alumnado que goza de lecturas fast-food é maior que a porcentaxe de adultos que consomen produtos deste tipo? Ten a totalidade de adolescentes tan mal gusto? E para rematar, é certo que hoxe non temos Casares nin Cunqueiros, nin cousa que se lle pareza?
Evidentemente non teño respostas, só formulacións ao aire, aínda que moitas veces coido que estamos a confundirnos nas preguntas. Antón Figueroa falaba da filoloxización da cultura galega, ao que se podería engadir para este caso unha sorte de grafocentrismo xeneralizado, unha variante da idea kantiana da subxectividade da realidade, aquí non só debido á mediación do suxeito, senón á incidencia das súas manifestacións escritas. Algo haberá de certo nisto, de feito a arte, tamén a literatura, forma parte do real, xera obxectos per se con capacidade para alterar outros elementos da realidade na que se integran. Pero esta presuposición, levada ao extremo, pode facernos pensar que é o texto literario, e só o texto e non outras producións humanas, o que sempre constrúe a realidade e non ao revés.
A simplificación dalgunhas, probablemente moitas, expresións artísticas entre as que se encontra a literatura, non podería ir parella á simplificación doutros rexistros? Á brevidade das mensaxes que esixe o exceso e velocidade de información? Á aceleración da vida, tamén do lecer? Á redución dos discursos, das consignas, dos argumentos ata que poidan coller en asercións dunha liña? Ao espallamento da ansiedade social e económica á produción escrita e ao consumo lector? Tampouco hai respostas seguras. Parece que o ruído comunicativo tamén chegou á ficción e a saturación, xa que as facilidades para publicar aumentaron considerablemente, agocha cada vez máis esa arte con vocación de abrir fendas no real.
Non obstante, dende que a novela ía morrer, cambiaron os asasinos, algúns mesmo morreron de morte natural como os hipertextos que parecía que ían substituír a novela co cambio de milenio, e as novela aí seguen. As malas e as boas, as que se len moito e as que se len menos, ou dito doutro xeito, as que venden moito e as que non.
A exposición desta situación aínda bota máis preguntas ao aire: a crítica non está a poñer algo de orde no caos? Quen non se conforma cunha cultura Fnac (perdóese tamén esta simplificación), non atopa orientación por ningures? A situación é moi diferente hoxe por hoxe para a crítica galega que para a doutros sistemas? De ser así, é culpa só da crítica ou hai outras responsabilidades que afectan á xestión dos espazos públicos onde se debería manifestar?
O binomio arte e mercado desde logo non nos favorece. Nin aos textos galegos que son concibidos como arte, non como produtos, pero tampouco aos que buscan o éxito comercial nunha competición desigual cos textos escritos en castelán ou traducidos ao castelán, é dicir, cos textos promocionados co aparato publicitario dunha lingua dominante. E esa culpa non é de quen escribe. Outra pregunta retórica: a institucionalización da cultura na Galiza está a ser o dinámica que debería? Baséase na convicción de que a literatura enriquece o patrimonio dun país?
En todo caso, e non sei se é esperanzador ou non, non penso que o problema principal estea en moitas (algunhas) das persoas que escriben. Polo menos non nunha maior porcentaxe que as que escriben noutras linguas. Hai moita literatura de batalla, certo, que sen dúbida fai máis dano que noutros sistemas cun lectorado máis consolidado, pero hai autoras e autores que, non sendo Casares nin Cunqueiro, tampouco Rosalía, nin teñen porque selo, van á procura dunha escrita ambiciosa sen esperar que o mercado lles dea nada a cambio. Minorías? Ou a algunhas sábenos a pouco? E cando non o foron. Mais a adxudicación de culpas a un único sector non vai solucionar a cuestión.