As familias protestan ante a convocatoria de folga nas Galiñas Azuis

Fixaron posición a través dun comunicado

Santiago de Compostela | Chegamos a Setembro cunha folga convocada de 4 meses nas escolas infantís “Galiña Azul”, catro meses!!! Chegamos das vacacións e asumimos inicios de curso imposibles, con desembolsos en materiais dignos dos centros privados máis caros do país. Chegamos con horarios laborais que impiden a conciliación, con políticos que non sofren os nosos problemas e non son quen de buscar solucións, e nos din que non houbo forma de desconvocar unha folga que nos afoga definitivamente?

Basta de que as familias paguemos os desencontros, non hai dereito a que dende a Xunta e os Concellos non poñan as medidas necesarias para que unha folga convocada en xullo chegue a setembro sen solución algunha para as necesidades de conciliación das familias. Vemos como ano a ano sube o prezo dos comedores escolares, o prezo dos libros, as extraescolares, os alugueres, a electricidade… Comprobamos con angustia que as prazas públicas de campamentos de verán son insuficientes, e chegamos a setembro con folgas evitables que complican a vida dos pais.

Non hai dereito a que sexamos os que sempre pagamos todos os desencontros e a falta de vontade política para resolver os problemas das persoas. Os pais e as nais que traballamos oito horas diarias fora da casa para soster uns gastos abusivos vemos con desesperanza como ademais quedamos sen servizos de calidade nas escolas infantís, porque dende a Xunta o están desmontando por algún tipo de interese político que non coñecemos nin queremos coñecer.

Comunicamos con claridade que non podemos máis sobre as nosas costas. Empatizamos coas mestras das escolas, pero precisamos que o servizo siga adiante. Así que pedimos aos responsables políticos que cheguen a un acordo con urxencia. A unha semana do comezo do curso estamos desesperados. Que facemos coas crianzas? Quen as coida? Os prezos da vida non nos permiten reducir xornadas nin contratar axuda a domicilio, estamos afogados.

https://stopfolgaconsorcio.blogspot.com/2022/08/stop.html