Cadernos da viaxe.
Vaia por diante que a pescuda xudicial desenvolvida polo maxistrado do Xulgado de Instrución nº 41 de Madrid, J.C. Peinado, a respecto de determinadas condutas de Begoña Gómez, dona do Presidente do Goberno do Estado é desaquelada ás fins de investigación que di buscar.
Naceu dunha querela alicerzada en informacións de prensa que non debeu nunca ser admitida, enxergou dende eses feitos denunciados (únicos sobre os que habería desenvolverse as pescudas) outras condutas dun xeito prospectivo e, xa que logo, ilegal e acadou níveis moito máis graves acordando e mantendo a citación como testemuña de Pedro Sánchez malia o seu dereito, quer a non declarar como cónxuxe da persoa investigada, quer a facelo por escrito por mor do seu cargo público. Lawfare de libro.
Con ser isto verdade e con facer evidente que unha moi curta (malia que moi influínte) minoria de xuices está a deteriorar a nosa convivencia democrática (agarden vostedes ao moi probábel prendemento do presidente Puigdemont polo Supremo, malia ser suxeito pasivo obrigado da amnistía) o relato de Sánchez amosa evidentes feblezas.
A primeira é a proxección dese adanismo que se manifestou nomeadamente naquel proceso de diálogo consigo mesmo desta última primavera. Semella que él e a súa dona son os primeiros en padecer lawfare. esquecendo casos máis ou menos afastados no tempo (as condenas por prevaricación do entón coaga X.L. Barreiro Rivas no 1990 ou do presidente do Parlamento vasco Juanmari Atutxa no 2004) ou máis recentes, sofridas nomeadamente por políticos soberanistas cataláns (Màs, F. Homs, Junqueras, Forn, Turull, Rull, Forcadell…) e outros, como o deputado canario Alberto Rodríguez. Esquecer este pasado amosa unha clara carencia da acaída diagnose.
A segunda é o esquecemento “sine die” da carpeta das medidas de rexeneración democrática que nos prometeu nesta primavera ao se pechar para falar consigo propio (nomeadamente o desenvolvemento da lexislación europea sobre medios de comunicación no senso de protexer a liberdade de expresión e a identificación da titularidade real e dos intereses das empresas mediáticas) canda outras que xa son promesas electorais do 2019, como a derrogación da chamada lei mordaza, dos delictos de inxurias ao Xefe do Estado e da prisión permanente revisábel. Todas elas auténticas infiltracións de autoritarismo impropias do corpus xurídico dunha democracia liberal avanzada.
“A terceira é a evidencia, nesta altura da investigación, da falla de materia delictiva na conduta de Begoña Sánchez, o que non prexudica a súa recíproca falla de exemplaridade”
A terceira é a evidencia, nesta altura da investigación, da falla de materia delictiva na conduta de Begoña Sánchez, o que non prexudica a súa recíproca falla de exemplaridade, que se amosa en feitos como convocar ao reitor da primeira universidade pública do Estado na Moncloa, ser a única persoa non licenciada ou graduada titular dunha cátedra da devandita Universidade e a extrema familiaridade con empresarios que acadaron importantes incrementos de facturación cos procesos de dixitalización dalgúns sectores económicos promovidos dende a primavera da pandemia polos fondos EU next generation.
A cualidade de ser parella dun alto mandatario público non pode conlevar o sacrificio da carreira profesional propia, mais as dúas persoas da parella han compatibilizar carreira política e carreira profesional evitando calquera conflito de intereses. Velaí outro ámbito a regularmos dende a prometida lexislación pro rexeneración democrática.
Esta febleza de discurso e malia intrínseca e moi limitada capacidade de Sánchez e do PSOE, en xeral, para cumprir os seus compromisos está a fanar, aos poucos, a confianza dos seus socios de investidura, proxectando moi serias dúbidas a respecto da sostibilidade dos acordos que sinalaron o comezo da actual lexislatura estatal.