A aprobación da iniciativa lexislativa Paz Andrade foi o primeiro chanzo para a aproximación real da Galicia ás lusofonías, mais non será abondo se este proceso segue a ser tan absurdamente lento nun mundo nos que as remudas avanzan a grande velocidade. A nosa comunidade lingüística con Portugal na Europa, Brasil na América, Angola, Mozambique, Sào Tomé e Príncipe, Guiné Bissau e Cabo Verde na África e Timor Leste na Asia constitúe unha fonte de oportunidades, nomeadamente no eido empresarial, mais tamén no cultural e no político. Para alén, no segundo circo da lusofonía achegámonos á China a medio do Macau e á India a medio de Goa.
Ben é certo que para facer parte da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) compre ser un Estado soberano e nós non o somos. Mais a realidade especial de Galicia (un territorio semiautónomo pertencente ao Estado español que, porén constitúe o berce doe corpus lingüístico galego- portugues) podería xerar un status de seu como observador, nunha eventual reforma consensuada das súas normas internas. Por unha banda, contribuiría ao difícil equilibrio entre a exmetrópoli -o Portugal europeo- e o xigante brasileiro. Por outra banda, a presenza de Galicia na CPLP abriría amplas posibilidades para que o Estado español puidese constituir un segundo aliado na UE dos países lusófonos. Todo serían posibilidades de beneficio, tanto para Galicia e o Estado como para os países da CPLP. Se houber gobernantes intelixentes en Compostela e Madrid este camiño xa estaría percorrido, polo menos en parte.
Achegarmos á CPLP, achegarmos ás lusofonías, ha ser un obxectivo de País. E por iso compre que todos os partidos, sindicatos e organizacións empresariais, as tres Universidades,o Consello da Cultura, a RAG e todas as Institucións do País promovan e acorden un Plan Estratéxico “ad hoc”, difundido na sociedade e que remate coa súa aprobación unánime no Parlamento de Galicia (canda as iniciativas lexislativas que haxa que promover perante o Congreso estatal ).
O achegamento á lusofonía, canda a posta en valor da rede institucional da Galicia exterior, haberían ser os eixos fundamentais da nosa acción exterior extraeuropea. Para estarmos no mundo e valorizar a nosa cultura e personalidade, mais nomeadamente por mor dos nosos intereses económicos.