Ponteareas | O concelleiro de Innovación de Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, clausurou as I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado arroupado polo historiador Rafael Sánchez Bargiela que foi o último conferenciante destes cinco días de coñecemento da nosa historia.
Márquez quixo agradecer esta iniciativa da concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba e na que colaborou facendo de nexo coa Universidade de Vigo e a Facultade de Historia de Ourense, coa que aínda está vinculado como alumnos de terceiro ciclo e membro do grupo de investigación de Arqueoloxía, Antiguidade e Territorio (GEATT) da Facultade de Historia da Universidade de Vigo.
Tamén quixo destacar o papel da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea que coa súa inquedanza puxo en marcha o xerme desta novidosa iniciativa que a concellería de Cultura amplificou a unhas xornadas polas que pasaron os estudosos e expertos en arte, historia e arqueoloxía máis relevantes de Galicia.
Estas primeiras xornadas supuxeron un éxito de participación e de satisfacción por parte do público e dos relatores que non dubidou en trasladar aos concelleiros os seus parabéns.
Coa entrega de certificados púxose fin a esta primeira edición das Xornadas sobre o Patrimonio das que o concelleiro de Cultura destaca a heteroxeneidade do público amosando o grande interese que espertaron, “alumnado de grao, expertos, afeccionados e público en xeral enriqueceron estas xornadas e amosaron un alto nivel de interese e participación en cada unha das conferencias e das saídas didácticas programadas”.
Ámbolos dous concelleiros coinciden en agradecer a implicación das e dos traballadores dos departamentos de Cultura, da biblioteca e do Museo e agradecen fondamente a colaboración da Facultade de Historia e de cada un dos estudosos que agasallaron con xenerosidade os seus coñecementos.
As e os participantes tamén puideron cubrir unha enquisa na que deixaron os seus comentarios para comezar xa a traballar de xeito conxunto nunha nova edición.