As Lagharteiras de Mos, homenaxeadas pola súa colaboración no Himno do Centenario do Celta

Participaron no vídeo "Oliveira dos cen anos" xunto a C Tangana

Mos | Este mediodía celebrouse no Concello de Mos unha recepción ao grupo musical de Mos, As Lagharteiras, en recoñecemento pola súa colaboración co tema ‘Oliveira dos cen anos’, Himno do RC Celta conmemorativo do centenario do clube celeste, que se celebra este ano 2023 (concretamente o vindeiro 23 de agosto).

As homenaxeadas estiveron acompañadas pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, os tenentes de alcaldesa Camilo Grandal, e Leo Costas, e a tamén concelleira mosense Feli Rodríguez.

O himno co que colaboraron As Lagharteiras de Mos, composto por C Tangana, e que foi presentado a semana pasada no Teatro Afundación de Vigo, é unha obra que destila tradición e folclore galego. (https://youtube.com/watch?v=d_6f0JQOfM8&feature=share8)

Pola súa banda As Lagharteiras: Belén, María, Tamara, Leti, Uxi, Marta e Patri, declararon hoxe na Casa Consistorial do seu Concello que “somos afortunadas de ter participado nesta marabilla que supón un recoñecemento ás nosas raíces e á nosa música. Con orgullo do noso e con moita ilusión só podemos dar as grazas a C Tangana, ao RC Celta e a todos e todas os/as compañeiros/as e amigos/as que participaron con nós neste proxecto. Estamos moi emocionadas e desexámoslle ao Celta outros cen anos de emoción, de traballo colectivo e de paixón”.