Lugo | O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participaron na recreación histórica da entrada das lexións romanas en Lugo pola Ponte Romana, que marca o inicio do Arde Lvcvs 2024.
Os deputados asistiron ataviados de castrexos xunto á alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e outras autoridades, onde se representa a toma da cidade das tropas dirixidas polo xeral Caio Antistio O Vello, para acto seguido desprazarse ata o Balneario onde se produciu a bendición dos soldados e dos estandartes por parte dos augures.
A Deputación de Lugo reafirma a súa colaboración co Arde Lvcvs nesta nova edición cunha achega económica de 50.000€, que permite impulsar estes días de festa, un programa de actividades máis amplo e diverso con máis de 300 actos, nos que se inclúen novidades para potenciar a recreación histórica e implicar aos máis novos.
Ademais desta colaboración económica, a institución provincial tamén colabora coa preparación e adecuación do escenario no que se representa o circo romano que, como é habitual, ten lugar na explanada do Pavillón Municipal.
Trátase dun dos espectáculos estrela máis vistosos do Arde Lvcvs, no que se implica ao público na rememoración dos xogos que se celebraban nos circos da antiga Roma, con loita de gladiadores, carreiras de cuadrigas, acrobacias con lume e bailarinas.
A maiores, a contribución da institución provincial serve tamén para a organización e a montaxe dos campamentos das 19 asociacións que conforman o Arde Lvcvs, contribuíndo ademáis coa cesión de espazos públicos para o desenvolvemento das actividades, e coa difusión da cita a través da realización de vídeos promocionais realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución, así como de campañas publicitarias, ou coa participación en feiras turísticas e en determinados medios de comunicación.