As mallas en Ribas do Asneiro.

O Asneiro baixaba caladiño, esmorecendo neste verán perigoso de sol e ceo, seco de auga e tristeiro de albiscar tempos escuros para as árbores e os nosos mil ríos.

En Codeseda recreábase a Festa da Malla e pola mente do poetiña que vos fala as lembranzas… Aquelas medas coma castelos nas eiras, antes medoucos orfos nos eidos, as leiras e os niños de paspallás entre o centeo. O centeo cando verdea é coma o mar, ondea e arrola, déitase e érguese nas voltas do vento, coma unha muiñeira, coma as mozas garridas que a bailan na punta do pé, revirándose ao son do vento e da música.

É tempo de retornos, volven os emigrantes, Fernando de Adelaida e Maruxa, Paulino e Pura, Pepe de Anuncia, Máximo de Carrón e tantos outros … volven ao niño, polo menos en agosto, para ver aos seus e para axudar nas mallas, para lembrar a quen pertencen, por moi lonxe que vaian levan o po da palla no nariz, a morriña nos ollos, e o son das correntes do río no maxín, as garatuxas do noso Asneiro querido que lles canta un tango ou un fado, unha copla ou un pasadobre cando a saudade afoga e o afastamento se eterniza.

“A malla é de todos e para todos, meniños, mulleres, mozos e vellos”

Tamén volve a Bubela ao celeiro de Cándido e as casiñas das andoriñas ao corredor da avoa a carón do contador da luz. A min vólveme unha imaxe por riba de todas: un home pequeno, rexo e flexíble, coa forza do carballo e a elasticidade dun vimbio, tirando a suor da fronte con dous dedos, coa pucha na cabeza e un pano debaixo, “para non quentar a cabeza”, como adoita dicirme rindo. É o meu heroe, o meu paiciño, xeitoso coas mulleres, aloumiñeiro cos cativos, compañeiro con todos, traballando a reo de sol a sol, sen unha queixa, sen un mal xesto, sen perder o sentido do humor facendo máis levadío o traballo de todos, con xeito e con maña.

A malla é de todos e para todos, meniños, mulleres, mozos e vellos, hai un sitio e un traballo para cada quen, todos son importantes e todos se senten necesarios, porque o son.

Andoriñas
En Ribas do Asneiro as andoriñas son sagradas; pobre daquel que estrague un niño de andoriñas, ofende a Deus e ofende aos deuses dos paxaros e dos meniños, os señores das fragas, os reis dos carballos e dos castiñeiros. As casas escollidas por elas son bendicidas e non entrarán nelas nin meigas, nin demos, nin mal de ollo, nin malas compañas, nin faltará o pan ao longo de todo o ano.

As almiñas dos defuntos viaxan lonxe e volven cada verán coas andoriñas, coas rulas, coas bubelas e cos emigrantes. Os emigrantes traen o ciballo doutras terras para os fillos e os pais que quedan no pobo, uns veñen de vivos e algúns, como a mamá, retornan mortos, pero en Ribas Do Asneiro non morre ninguén, alí nácese pero non se morre, a morte esvarou unha noite de xeada pola Costa da Fonte e afogou no remuíño do Pozo Negro, alí na Praia de Blanco onde a rocha do Cabalo de Aldara quixo recuar pero veu unha troita de dous metros e papouna, por iso a xente de Ribas do Asneiro é inmortal e atópala nas carballeiras, nas corredoiras, nas festas, pero onde os atopas e se atopan sempre todos é nas mallas, nas deste lado ou nas do alén, que para o caso veñen sendo as mesmas.

En Codeseda podédelo comprobar cada ano se non me credes, este ano vin moita xente, milleiro e medio de persoas, pero en realidade había moita máis, estaba Alicia e Lola, a carón de Blanca e Fernando, andaban Jesús e Amparo, os do caseiro axudando a Manolo, vin tamén ao outro Manolo e a outra Amparo, a Eligio de Santomé co tractor, e vin a Laureana e a miña avoa Hortensia e ao avó Amador e cando botei a palla vinte a ti papá na cima do palleiro, pretiño de Manolo de Taín, facendo no palleiro, e escoiteiche dicirme: “Chiquito, déixate de Andromenas e bota palla que hai que ir rematando”, ata notei a túa a man acariñándome a testa, conteillo despois a Rogelio de Santomé por se el vira tamén todo iso e díxome: “vin , vin pero non che dixen nada para que non te foras encerellar moito que xa é horas de ir xantando”.

Esta Andrómena, quero dedicarlla a “Os Trasnos de Doade” que coa súa actuación me tocaron o corazón e a Malla de Codeseda que foi declarada este ano Festa de Interese Turístico de Galicia, dende as Ourelas do Asneiro, Codeseda tamén é Ribas do Asneiro!!!

Fillo de emigrantes galegos, naceu en Caracas. Empresario. Articulista e colaborador en varios xornais. Creador da sección “Con Sentimento” na revista internacional “A Bugalla”. Coautor de "As andrómenas e outros contos" (editorial A Formiga Rabicha). Participa activamente en iniciativas solidarias e culturais.